Andrés Giráldez: «Peixe é un personaxe que o fai todo con bo corazón»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

O papel achega un toque de humor ás desgrazas e crimes que se suceden en «Serramoura»

24 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Giraldez é un dos tres membros da compañía teatral Tanxarina, pero tamén é o actor que interpreta a un dos personaxes máis queridos de «Serramoura», o carismático Peixe. Esta noite, a partir das 22 horas, Televisión de Galicia emite un novo capítulo da serie de Voz Audiovisual, no que Brais séguelle dando problemas ao cuartel da vila. A Garda Civil comeza unha operación de seguimento, pero a situación complícase cando os homes de Micaela conseguen reter a Marga. Mentres tanto, Quique ten que acompañar ao seu futuro sogro nunha cacería, pero a xornada no monte non tarda en converterse nun pesadelo.

 -Peixe volveu a «Serramoura» despois dalgúns episodios fóra da vila. Que viviu durante este tempo?

-Peixe volveu dun programa de rehabilitación e, supostamente, volve totalmente recuperado, ou polo menos é o que pensa el. El non ten culpa de nada, porque é moi apoucado, e cando fai as cousas fainas co seu bo corazón. O que pasa é que se xunta con malas compañías. Como a carne é feble, non lle queda outra que volver caer no mesmo. Se non caera non sería Peixe [ri].

-Cando pasan os episodios e Peixe non aparece na vila, nas redes sociais sempre hai voces que reclaman a súa presenza. Por que cre que Peixe esperta tanta simpatía entre os espectadores da serie?

-Peixe é un personaxe que o fai todo con bo corazón. Engancha moito ao público porque déixase querer moito. As escenas nas que aparece Peixe dan un toque de humor entre tanta desgraza e asasinato, e iso libera ao espectador, e este agradéceo.

-Antes, o dúo cómico de «Serramoura» eran Peixe e o sarxento Bazán; agora é con Santos. Que ten esta relación de particular?

-Santos sempre está planeando moitas falcatruadas e en Peixe atopou un acompañante perfecto. Peixe nunca fai as cousas con maldade. El non ten claro onde está a fronteira entre o legal e o ilegal, e cando fai algunha falcatruada non é consciente de que está facendo algo malo. Santos fai as cousas por interese e Peixe fainas polo cariño que lle ten á xente [ri].

-Peixe pasou das primeiras aparicións anecdóticas na serie a ter unha presenza estable. Como viviches a evolución do personaxe?

-A verdade é que me sorprendeu bastante. Cando me chamaron para os primeiros episodios era para facer un personaxe episódico, pero a medida que o público lle foi collendo cariño o personaxe de Peixe empezou a medrar e a coller peso na serie. É un personaxe tan agradecido que todo o que faga Peixe vai funcionar, e iso para min foi unha alegría moi grande.

-Seguro que moitos espectadores de «Serramoura» descoñecen que forma vostede parte de Tanxarina. É moi diferente o traballo actoral para a pequena pantalla da montaxe dun espectáculo de marionetas?

-É un tipo de interpretación totalmente distinta. As escenas para un episodio non se gravan de xeito continuo, senón que estás gravando pequenas partes onde a continuidade é un pouco relativa. Non obstante, cando sobes a un escenario e tes que cubrir unha obra para un público familiar de cincuenta minutos, como é o caso de Tanxarina, non podes permitirte cortar, tes que ter a audacia para continuar pase o que pase. Son disciplinas distintas, pero as dúas son extraordinarias.