As claves: un desfile con máis de 250 artistas, Birimbao e Luar na Lubre
21 jun 2015 . Actualizado a las 09:47 h.Imaxe, momento e son para a historia. Uns 265 gaiteiros da Costa da Morte, integrantes de máis vinte asociacións, acudiron onte a Carballo ante unha chamada: a da primeira edición do Festifolk Costa da Morte, unha iniciativa promovida polo Concello carballés, La Voz de Galicia e Conservas Calvo. O obxectivo desta xuntanza pioneira e supracomarcal: render unha merecida homenaxe á gaita, aos gaiteiros e a todos aqueles que traballan pola cultura galega e pola súa transmisión. Pasadas ás catro e media da tarde, os máis de 250 artistas percorreron algunhas das principais rúas de Carballo, interpretando tres pezas: Muiñeira de Lugo, Pasodoble de Pastoriza e Buxos Verdes. Logo dunha hora aproximada de percorrido, con moito sol, volveron a atoparse todos de novo no punto de inicio, para participar nun intre para a posteridade: a interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia, ao unísono e liderados por Bieito Romero. O artista recibiu, ademais, o premio Gaiteiro de Honra deste ano. Birimbao e Luar na Lubre porían pola noite o peche ao primeiro Festifolk Costa da Morte, festexo que chegou para quedar.