«O cambio climático non é un problema ambiental máis»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Xavier Labandeira dirixirá a Unidade de Investigación sobre Política Climática<span lang= es-es >. </span>
Xavier Labandeira dirixirá a Unidade de Investigación sobre Política Climática. m. moralejo< / span>

Lavandeira será director dun centro europeo sobre quentamento global

11 mar 2014 . Actualizado a las 09:17 h.

O catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xabier Labandeira Villot vén de ser elixido como director da Unidade de Investigación sobre Política Climática do European University Institute, un dos centros de referencia da UE para este ámbito. Labandeira, que tamén é membro do Panel Intergubernamental de Cambio Climático (IPCC), compatibilizará este posto coa dirección do centro de investigación Economics for Energy e coa súa actividade docente e investigadora na Universidade de Vigo. «É -di- unha gran oportunidade e un recoñecemento ao nivel e visibilidade alcanzados desde a Universidade de Vigo no ámbito da economía enerxética e ambiental».

-¿Cal e a misión do organismo que dirixirá?

-O centro fai análises económicas da política climática europea, que é a máis importante que se está a facer no planeta. Levamos políticas de renovables, do comercio de emisións de CO2, impostos ambientais... O que se pretende é facer análises para ver si as políticas funcionan ou non, e ao mesmo tempo informar ao mundo do que se fai aquí, porque Europa é un referente para outros países.

-¿Inflúen nos políticos?

-Nós intentamos facer análises en positivo. Non lle dicimos aos responsables políticos que fagan isto ou o outro, senón que lle damos información para que eles tomen as decisións.

-Europa apoia o uso das enerxías renovables para loitar contra o cambio climático, pero España, que era un referente, pódese quedar atrás.

-As renovables teñen que xogar un papel na política climática porque reducen emisións e a dependencia enerxética e poden potenciar o sector industrial europeo. Temos que apoialas, primando as tecnoloxías máis competitivas e tamén a investigación neste eido. A nivel global europeo isto ten que ser así.

-Os europeos e os españois e galegos en xeral din estar concienciados co cambio climático. Hai enquisas que din que nove de cada dez o consideran un problema grave. Pero semella que pasou a un segundo plano.

-O problema do cambio climático e que é un asunto difícil de xestionar, porque os sacrificios para loitar contra el hai que facelos agora, pero os beneficios son a longo prazo. Pode que non se vexan ata dentro de decenios.

-¿Sae máis caro non facer nada que actuar para combater o cambio climático?

-Si. As emisións acumúlanse na atmosfera e cada vez é máis custoso e difícil eliminalas, e os impactos tamén serán maiores Temos que buscar un equilibrio, pero penso que temos que actuar porque os científicos estannos aportando evidencias de que isto é un problema grave Non é un problema ambiental máis, senón que é un problema a gran escala.

-¿Hai que actuar?

-Está claro que o problema está aí e que pode ter uns impactos económicos relevantes. É o momento de actuar, porque conforme pase o tempo e se non facemos o que debemos a situación irase volvendo cada vez máis complexa e as medidas que logo tomemos pode que xa non teñan efecto porque será demasiado tarde. É un problema moi importante e ante o que temos que actuar xa, porque os custes de non facelo serán maiores.

-Os cidadáns son conscientes do problema, pero logo outra historia é si se lles pide sacrificios, como impostos ambientais.

-A xente é consciente de que estamos ante un problema, pero o problema é como se pasa de esa concienciación a estar disposto a facer sacrificios.