«O corazón da Branca de Neve», de Francisco Castro
16 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Ás doce do mediodía facía a súa entrada, chegado directamente dende o aeroporto, nun coche patrulla, o delegado do Ministerio do Interior. As televisións, desexosas de carnaza e felices por poder encher minutos de sangue e violencia entre os anuncios de tensiómetros e outras sutilezas relacionadas coa saúde, que iso é o que botan pola mañá, non falaban doutra cousa que non fose das tres mulleres de cor que foran asasinadas a sangue frío nunha estación de servizo preto de Vigo.
O delegado, estirado e repugnante, organizou unha xuntanza con todos os mandos policiais.
-Onde está o subinspector Losada? Por que non está aquí con nós? Seica foi el o primeiro en chegar ao lugar dos feitos.
Hermida abriu os ollos de tal xeito que o aceno delatou a súa sorpresa. E debeu de ser por iso que o do ministerio lle dixo que fose buscalo. Ergueuse coma un robot, coma se non estivese alí. Obedecendo. É o que lle toca. Tragando as ganas de mandalo ao carallo. Deglutindo o noxo que lle producía aquela inxerencia. El ben sabe por que está este nacho hoxe aquí. Hai alarma social. No último ano o medre na porcentaxe de actos violentos no conxunto do país subira escandalosamente. Os políticos falaban, en especial os máis radicais, de endurecer as penas e en facer medrar os recursos policiais. Hermida, porco vello, sabe que iso pode axudar. O segundo. O primeiro, probablemente non. Porque o que hai é que atallar a crise, permitirlle á xente gañar o pan. En fin, iso para o que se refire ás cousas menores. Obviamente, desta volta, a cousa era moito máis grave. Estabamos a falar segundo a información que lle transmitira Losada cando chegou, de tres mulleres que viaxaban, segundo todo parece indicar, dentro dun camión de froita, probablemente entrando ilegalmente no país. A Losada parécelle que di a verdade o camioneiro, que el non sabía que estaban alí. É crible. Pasa moitas veces. Na alfándega os camións pasan horas, uns son inspeccionados, outros non. E quen fose meteu as mulleres dentro. Mais o camión viña para Vigo e elas non baixaron na primeira ocasión que tiveron, que serían moitas. O condutor dixera que lle levara tres días chegar. Viñan a Vigo. Polo que fose, viñan aquí e aguantaron eses tres días dentro do camión.
Moi estraño.
Losada e o inspector Hermida fixeron a entrada na Sala de Xuntas.
-Ultimamente están dando moito que falar. Ou ben lles rouban cativas, ou ben lles matan negras.
Ninguén dixo nada.
Que habían dicir.
O delegado do ministerio preguntoulle a todos que pensaban do asunto dos asasinatos. De primeiras, ninguén abriu a boca. Ata que o fixo Losada. E a Hermida non lle quedou outra que recoñecer que o seu subalterno se explicara ben e que a súa hipótese estaba máis que xustificada.
-Para min non hai dúbidas de que estamos diante dun caso de axuste de contas entre mafias da prostitución e da noite. Esas mulleres viñan para aquí para traballar nalgún club. E alguén se encargou de darlles matarile antes de chegar ao destino.
O silencio dos demais era, cando menos, de asentimento. O delegado do ministerio púxose en pé, alentou con profundidade, e máis que falar, sentenciou:
-Está ben. Leven o asunto por aí. Xa poden poñerse bravos e non volver saír nas noticias por ningún outro asunto como os destas dúas semanas.
O xefe Alonso, o mando de máis alto rango da comisaría, ergueuse, como para acompañar ao do ministerio.
Todo parecía claro.
Ata que ao inspector Hermida lle soou o móbil que anunciaba que entraba un sms.
E daquela, si que o inferno chegou de verdade.
RESUMO
O inspector Hermida está realmente confuso diante dos acontecementos recentes acontecidos en Vigo e bisbarra. Por unha banda, o roubo dunha bebé e a aparición da nai case desangrada nunha zona suburbial. Alguén, aínda non identificado, avisou ao hospital para que chegase unha ambulancia. Por outra banda, na madrugada anterior, un home asasinou a sangue frío a tres mulleres inmigrantes que viñan nun camión agochadas.