Rica subiu ao coche precipitadamente pero sen entender o que sucedía. Unicamente comprendera que había que liscar daquel Centro Comercial canto antes.
-Pero que diaños pasou, Varas?
Pero o Varas non respondía. Limitouse a prender o contacto do Nissan Patrol para saír disparado marcha atrás. Tan disparado que bateu contra unha columna. Polo ruído, era evidente que, cando menos, un dos focos do vehículo quedaba alí, pero non se detivo a comprobalo. Atravesou o parking coma un tolo ata que deu coa saída. Entón lambeulle o cu ao vehículo que levaba diante para poder superar a barreira canda el. O parking era gratuíto, pero naquelas circunstancias non parecía aconsellable deterse na máquina para validar o tícket.
Non lle resultou doado afastarse daquela zona. O tráfico volvérase intenso, lento e por veces mesmo parado, así que tivo que realizar algúns malabarismos agresivos ao volante ata alcanzar a circunvalación da cidade.
-Que pasou, Pixie?- preguntou Rica interrogando o neno. Pero o seu fillo encolleuse de ombros, dando a entender que era o pai quen tiña que dar conta do sucedido. A el, todo o tiña sen coidado. Todo, menos aquel obxecto que levaba entre as mans.
-Que é iso, Pixie? De onde o sacaches?
O neno ensináballe á súa irmá un reloxo de esfera enorme, negro e refulxente. Na outra man agachaba un coqueto reprodutor de mp3.
Cando escoitou a pregunta de Rica, o Varas non vacilou un minuto en deter o vehículo. Botouse contra á beiravía, inclinouse sobre o o asento traseiro e arrebatoulle ao neno todo o que traía nas mans.
-Cabrón-díxolle-. Estas non son cousas de nenos- reprochoulle mentres gardaba os obxectos incautados no peto da súa zamarra.
Rica sinalou cun dedo para o cadro de mandos do coche antes de que o seu home se incorporase de novo á autovía.
-Non temos gasolina. Imos aviados!
-Ben o sei, Rica, non son parvo.
-E que pensar facer?
-Coller gasolina.
-Tes cartos? ?preguntou ela.
-Para coller gasolina non fan falta cartos ?respondeu querendo acelerar na incorporación.
De súpeto, volveu frear. Detívose.
-Vou chamar o Quique -dixo-. Débeme un par de favores e el pode deixarme algún diñeiro.
-O de Marín?
-Ese.
Meteu a man no peto da zamarra e sacou un móbil. Asubiaba debilmente.
-Está a piques de quedar sen batería- comentou en alto, aclarando o evidente. En canto marcou o número, a luz da pantalla esmoreceu.
-Cona que te botou!- proferiu guindando o móbil contra a guanteira do coche. E, sen máis palabras, arrincou.
O Patrol subía coma unha bala. Á altura do Meixoeiro incrementou a velocidade, sen importarlle a sinalización de radar. Logo desviouse á dereita na saída para a gasolineira de Puxeiros.
Colocouse diante do surtidor e apagou o vehículo, deixando as chaves no contacto.
-Non baixedes do coche- advertiu.
Abriu a porta e cuspiu no chan, á espera de que o atendesen.
-Cheo- indicou.
Agardou a que o depósito se colmase. Logo, sacando a carteira, preguntou:
-Coa tarxeta, hai que pagar dentro, non si?
-Dentro, si.
O Varas entrou no edificio da estación de servizo e dirixiuse directamente aos baños. Mexou sen présas. Non lavou as mans, pero pulsou o secador co dedo gordo. Logo levou as mans ao peto do pantalón e sacou un daqueles osiños de azucre que roubara no Centro Comercial. Meteuno na boca. Saíu con normalidade, encamiñándose directamente ao coche e, en canto estivo dentro, arrincou a toda velocidade. O empregado que o servira quedou atónito, non porque non pagase, feito do que non se decatara, senón pola velocidade coa que partiu.
O Nissan Patrol afastábase fugaz polo carril de aceleración para incorporarse á autovía.