A crítica social é o seu, como tamén disfrazarse de alcalde de Negreira
14 feb 2012 . Actualizado a las 11:23 h.O bo humor de José Antonio Romarís Pereira (Liñaio, Negreira, 1954) é contaxioso. Ben o saben os compañeiros que, tres días cada semana, comparten con el longas horas de diálise no Hospital Clínico de Santiago. Cando chega o entroido, este labrador ilustrado saca peito e se dispón a vivir a época que máis lle gusta do ano. O seu é a crítica social.
-¿Que lle tira tanto do entroido?
-Desde que un era neno, o entroido era a festa da liberdade. Pensa que, naqueles tempos que me tocou vivir, aínda collín parte do malo, o tempo de Franco. As festas remataban á unha da noite, pero o entroido era unha liberación. Din que o entroido vén daquelas festas que facían os escravos, no tempos dos romanos, cando tiñan un día ou dous ao ano nos que daba a volta o mundo. Non sei se será por iso, pero é a festa que máis me gusta. O entroido é un desmadre controlado.
-É un tempo tamén para tirarlle a todo o que se move...
-Na miña parroquia sempre tiramos moito pola crítica social a través de coplas. Eu son un promotor da crítica social desde o 84, incluso comigo mesmo cando fun concelleiro. E tamén coa Igrexa.
-Así lle chamaban «embaixador ante a Santa Sede»...
-Sempre pensei que a Igrexa non debería meterse en política, a relixión é algo interior, familiar. ¿Por que ten que ir debaixo dun palio un alcalde? Sempre me meto con esas cousas e tamén me visto de cura ou de monxa.
-¿Cal foi a carroza máis espectacular que fixeron os de Liñaio?
-¿Lémbraste do barquiño aquel, o Xurelo, e dos residuos tóxicos? Nós fixemos unha parodia daquel barco que saíra de Ribeira cos ecoloxistas.
-Para facer crítica social hai que estar informado, ao día...
-Neste entroido xa tivemos dúas reunións para decidir os temas que se van abordar nas coplas.
-¿Por onde van ir os tiros? A crise, claro...
-Aquí somos moito da crítica local. Como sabes, en Negreira hai un goberno de coalición. Aínda que son os mesmos, presentáronse por separado. Pero non podo desvelar moito máis... O que si penso é que a crise vai levantar aínda máis o entroido.
-O seu alcalde, José Blanco Pazos, é un tipo senlleiro, aquel que dixo que «Don Manuel Fraja ten un Estado na cabesa».
-Xa van varios anos que me disfrazo del. El fala moito na ese porque estivo en Arxentina. O ano pasado, cando o botaron de alcalde, dicía que «o traisionaran», e eu ía cun puñal cravado no lombo cun cartel que dicía: «Traisionado» [ri]. Igual facemos algo de Urdangarin. Nós collemos eses detalles sociais e facemos a letra cunha música que este pegando no momento.
-¿E ao alcalde parécelle ben que se disfrace vostede del?
-O ano pasado estaba todo contento.
-A súa saúde non conseguiu tirarlle o humor...
-¿E que lle fas? ¿Póñome a chorar? ¿A esperar a morte sentado nunha cadeira? Non me funcionan os riles, tiven un transplante, pero fallou. Vou tres días na semana a diálise, de nove da mañá a unha da tarde sentado nun sofá. Imaxínate se non tivera humor. Gústame colaborar con todas as entidades sociais que podo. Agora vou a un colexio de nenos con minusvalía psíquica a botar unha man.
-¿Cal é o entroido galego que máis lle gusta?
-Os da zona da Ulla, Xinzo de Limia... Ese si que está metido no pobo. Pero os urbanos non me gustan tanto. Pero o entroido ten que evolucionar, non se pode quedar nun vestido dun vello cunha careta fea, o mundo vaise transformando.
-¿Nunca lle deu apuro disfrazarse?
-Nunca. É máis, cando fun concelleiro, nos oitenta, fomos ao programa de Blanco Campaña e ao alcalde non lle gustou moito que un concelleiro saíra disfrazado. Pero saín. Son do pobo ao cen por cen.
nacho.miras@lavoz.es