Aurora P.?G. acaba de limpar a cociña, pero parécelle que o olor a peixe fritido non desapareceu completamente. Mal asunto. É certo que a vella campá extractora xa non funciona demasiado ben, así que abre de novo a porta da terraza. Dende alí contémplanse as traseiras dos edificios, con aqueles patios cercados por muros de ladrillo onde medran as silvas e alguén abandonou unha bicicleta oxidada. Algunhas noites escóitase un acordeón atacando melodías mexicanas. Son os clientes borrachos do bar Rodeiro, que se reúnen a cantar ata altas horas da madrugada. Seica algunhas veces acode algunha prostituta do barrio. Dende o balcón, apoiada na varanda mentres estende crema hidratante nas mans, Aurora P.?G. pode distinguir o paso dos vehículos pola estrada. Son coma relampos intermitentes que desaparecen engulidos por un subterráneo que os vomita metros máis adiante. O único solar permite a visión dos montes ao lonxe, devastados polas obras dunha autoestrada. Algún día construirán alí un novo edificio. E os veciños prenderán os seus televisores en cada fiestra, mentres a madrugada cae lentamente sobre os silveiros.
Aurora P.?G. lava os dentes e métese na cama. Sobre a mesiña de noite ten un exemplar da Biblia. Abre o Libro dos Proverbios e le:
«Isto di a sabedoría de Deus: o Señor posuíume ao encetar a súa tarefa, antes das súas primeiras accións. Xa dende a antigüidade, xa dende o remoto pasado, o meu ser formouse antes das orixes da terra. Cando fun xerada aínda non había océanos abismais, nin mananciais de auga. Fun parida antes de seren elevadas as montañas, antes de seren formados os outeiros. Por aquel tempo, aínda Deus non fixera a terra nin as campías, tampouco os terróns primeiros do mundo. Pero cando afirmaba o ceo, alí estaba eu. Cando gravaba o cerco arredor do abismo, cando aseguraba as nubes nas alturas e daba enerxía ás fontes subterráneas, cando lle impuxo os lindes ao mar de maneira que as augas non incumprisen o seu mandato, cando fixaba os alicerces todos da terra, alí estaba eu, ao seu carón, coma un aprendiz. Eu era o seu gozo día tras día. Entretíñame diante del continuamente, recreábame no orbe da terra. A miña ledicia é estar cos fillos dos homes».
Aurora P.?G. apaga a luz e pensa no seu marido. En canto lle prestan os callos. O día seguinte vainos deixar a remollo, co seu vinagre e anacos de limón. O seu prato preferido. Pola tarde, o home acudirá ao centro de saúde. Por fin tomou a decisión de consultar aquelas varices tan grosas que lle saíron nas pernas. Quizais Aurora P.?G. tamén pedirá cita para os seguintes días. Reza:
-Señor. Sabes que teño problemas e non podo descansar ben. Sinto que non lle atopo unha saída á miña vida e sempre me deito preocupada. Axúdame coa túa presenza luminosa. Non deixes que esta tristura acabe converténdome nunha persoa perturbada. Amén.
Alguén arrastra unha cadeira no andar superior. Os veciños sempre poñen a televisión demasiado alta. Sabe que non a apagarán ata que remate ese programa de fútbol onde sae xente berrando. Pecha os ollos e fai esforzos por conciliar o sono, pero non lle é posible. Pánico. Dá demasiadas voltas e non atopa o xeito de durmir. Estremece. Un monstro deforma os seus pensamentos e a faciana do seu home adopta formas terroríficas. Ao pouco escoita abrir a porta da entrada. Contén a respiración. O reloxo espertador marca seis minutos sobre as doce da noite. «Hoxe adiantouse», pensa.
Aurora P.?G. déitase na alfombra para evitar problemas. Non atopa mellor solución para a paz familiar.