É a primeira vez en toda a súa vida que contrata os servizos dunha prostituta. Quizais por iso Rafael B.?D. permanece calado, sen saber ben que dicir, se é que nese tipo de situacións, tan incómodas para as persoas retraídas, pode xurdir algún tipo de conversa. A visión do corpo espido de Camélia V.?P, anicada mentres lle desabotoa o pantalón, excítao profundamente. Ao chegar á casa xa de madrugada, Rafael B.?D. buscou un teléfono na sección de contactos.
-¿Atópaste ben?
Rafael B.?D. asente. Tarda uns segundos en contestar. Acaricia o cabelo da prostituta e obrígaa a poñerse de pé.
-Só estou un pouco borracho. Vexo dobre. Triple.
-¿Queres que che prepare un café?
-Prefiro outro whisky. O último. Logo espero poder ocuparme de ti.
O sorriso de Rafael B.?D. é un aceno deforme. Camélia V.?P. descobre algo escuro na súa ollada que non entende, pero esquéceo mentres senta na cama e prende un cigarro, allea aos pensamentos torturados do seu cliente. Rafael B.?D. interpreta que sempre lle ocorre o mesmo. Sempre. Todo acaba envelenándose cando está a piques de coller rumbo. O destino resérvalle falsas esperanzas que se desfiguran coma unha carauta derretida.
-Ti mandas.
Rafael B.?D. deixa a copa de Jack Daniel?s na mesiña de noite e vaise deitar ao carón de Camélia V.?P. Empeza a viaxe de volta, o regreso. Sorrí coma un autómata e pensa que debería buscar unha solución definitiva. Sempre foi necesario deixarse caer e tocar fondo. Respirar o aroma nauseabundo das súas feridas para erguerse coma un estoupido. Pero asume, sen enganos, que algún día xa non poderá reaccionar. Todo acaba por converterse nunha gran mentira. Ás veces ten a sensación de que o seu estado natural consiste en constatar que a súa mente sofre un severo desequilibrio, fastiado como se sente dende hai anos, protagonizando episodios ridículos sen ese osíxeno que a sorte reserva para a xente luminosa. Oregón foi sempre un cárcere inhóspito, un túnel asfixiante. Co paso do tempo, a súa cabeza non se rexenera, estoupa cando se sente só e intranscendente. Nos bares, no traballo, diante do espello cando se afeita.
-¿Que che pasou no brazo?
Camélia V.?P. repara na vendaxe que lle cobre o antebrazo esquerdo.
-Un pequeno accidente.
Rafael B.?D. lembra agora o cheiro a carne queimada, a pel ennegrecida, os dentes apertados mentres esparexeu a chama polo brazo.
-Sonny Terry & Brownie McGhee: Trouble in my mind- pensa.
Camélia V.?P. torce a cara cando Rafael B.?D. quita a vendaxe.
-Non fagas iso, por favor.
-Só é unha ferida. Restos. Alguén que ardeu na miña pel.
Camélia V.?P. senta no borde do colchón e sostén a cabeza entre as mans. Outro cliente alcoholizado ao que debe aguantar durante unha hora, sen máis. O estoupido dunha botella esnaquizada contra a parede interrompe a súa introspección. Mira a Rafael B.?D. Alí está ese animal estraño, totalmente espido, con aquela espantosa queimadura. Coa botella de whisky rota na man.
-Non te movas- advirte Rafael B.?D.-. Non penso facerche dano.
A porta do cuarto está pechada con chave. Camélia V.?P. tenta manter a calma e achégase ao balcón. Sabe que dende alí podería alertar algún veciño. Na rúa soa un pitido enxordecedor e unha luz ámbar escintilante tingue a noite de amarelo. O camión do lixo.
-Estás tolo.
Rafael B.?D. arrastra lentamente a botella polo brazo, sentindo como o vidro roto lle provoca os primeiros cortes. Pouco a pouco vai avanzando ata que a queimadura empeza a sangrar. Desconcertada, Camélia V.?P. pecha os ollos.
-Dime que ves dentro de min- murmura Rafael B.?D.