A mañá é radiante e luminosa. Rafael B.?D., sempre que se sente abatido, lembra vellos éxitos de Piedmont blues.
-Blind Boy Fuller: Little Woman You?re So Sweet- pensa.
Dende alí pode distinguir o portal do edificio, pero Rafael B.?D. ten a seguridade de que Carme M.?T. non será quen de velo cando decida saír á rúa. Que saiba que a está espiando detrás daquelas árbores pode darlle razóns para montarlle unha das súas habituais escenas. Teatro. Admira a súa beleza e a súa intelixencia, tan intuitiva e brillante, pero debe recoñecer que hai algo detrás dos seus ollos que mesmo lle causa medo. Si, nótao moitas veces. Terror. Unha noite que puido acceder abertamente á súa intimidade, descubriu as súas convulsións existenciais, aquela fabulosa esgazadura que afirma sentir cando se enfronta á vida. Baixo unha coiraza altiva e desafiante, que combina con sorrisos inocentes e estudados, propios de anxo tumultuoso, Carme M.?T. é extremadamente fráxil. Infantil. En consecuencia, moi perigosa en situacións difíciles. Proxecta unha rabia desordenada nos homes que coñeceu ao longo da súa vida, inoculándolles o seu veleno ata que se alza coa vitoria final. Sempre foxe. Iso interpreta Rafael B.?D. mentres segue sentado nun deses bancos tan modernos que colocaron no parque, deseñados para que ningún veciño poida descansar comodamente.
-Josh White: You Don?t Know My Mind.
Outra máis, pensa. Outra longa travesía no deserto, tentando paliar o seu desacougo na escuridade dos cines ou nos bares do barrio onde ninguén pode recoñecelo. De novo terá que enfrontarse aos días extremos da soidade, ao desexo de fuxir a un lugar que non existe. Pode amar a Carme M.?T., pero tamén sabe odiala. Deso está seguro. Só ten que alterar os adxectivos e mirala doutro xeito. Parece certo que ninguén é insubstituíble. Pode atopar as súas calidades noutras mulleres mellores e esquecer o seu carácter tan cruel e tempestuoso. Todos os días crúzase polas rúas da cidade con centos, milleiros de mulleres ás que mira descaradamente.
Rafael B.?D. pensa que hai algo ofensivo e humillante na doutora, unha seguridade xenética e case instintiva, herdada de quen provén dunha familia sen problemas económicos. Ese pisar forte e decidido, fachendoso, propio de quen non posúe na súa árbore xenealóxica ascendentes que dobraron o lombo para introducir as mans na terra, fere profundamente os adentros. A vida portouse ben con esa estúpida, pensa. Puta. Anos de universidade, traballo seguro, viaxes continuas, diñeiro, vacacións, pais lonxevos. Pero Rafael B.?D. pertence a un inframundo que o plano de Oregón colocou no extrarradio. Á cidade cero. A ese lugar sombrío que non coñecen os profesionais entusiastas, donos de apelidos prestixiosos que destacan os suplementos de vida social. Á desesperación, á derrota, aos proxectos sesgados pola sorte adversa, á sombra negrísima dos operarios humillados, á precariedade coñecida dende o cordón umbilical, a esa infancia escura e sen fotos con xente sorrindo.
Alí está. Acaba de saír do portal, acompañada dun home da súa estirpe. Xa nunca máis poderá posuíla. Pertence a outro. O destino volve darlle a razón: sempre sairá derrotado, por máis que se atreva a enfrontarse á súa condición de paria. Sente odio. Un odio grande e puro, forte e vigoroso como as mans dos vellos que xogaban ás cartas nos bares da rúa onde foi un neno, aquela pista de terra lamacenta onde agora edificaron un centro comercial.
Moi preto hai un estudio de tatuaxes do que lle falaron marabillas.
CAPÍTULO 10
Aurora P.?G. está aterrada ante a actitude agresiva do seu marido. Durante a cea, sofre todo tipo de humillacións físicas e psicolóxicas que acepta cunha mestura de medo e resignación. Pero en soños consegue saír correndo. Atravesa as rúas da cidade, fuxindo baixo a choiva, e nunca mira atrás. Sempre sobe unhas escaleiras que rematan nunha longa varanda dende a que se avistan as vías do tren.
RESUMO