De momento non sabemos se as obras están afectando ao negocio -fala a dependenta-. Hai unha semana que abrimos, así que non podemos comparar.
-Eu son moi despistado -responde Rafael B.D.-. Paso todos os días por diante e non me decatei de que agora puxeran unha floristería.
-Con todas as barreiras que hai na beirarrúa, é difícil saber que estamos abertos. Aquí, antes había un bar.
-Si, xa lembro. Tapas Ribeiro. Levaba un ano pechado. Sempre viña ver os partidos de fútbol.
A dependenta é unha muller de baixa estatura, próxima aos corenta anos. Coloca as mans sobre o mostrador e fica calada, observando aquel veciño do barrio ao que non coñece. Rafael B.D. quita os lentes de sol e sorrí.
-Quería un ramo de rosas vermellas. Unha ducia, se pode ser.
-Agora mesmo llo preparo.
A muller retírase uns minutos á rebotica. Durante ese tempo, Rafael B.D. aproveita para fumar un cigarro na porta e contemplar o avance das obras que manteñen a rúa cortada ao tráfico. Esa mañá impediuse durante unhas horas o acceso aos garaxes, provocando a queixa dos veciños. Non é algo que lle quite o sono, xa que garda o coche nun garaxe da rúa paralela, onde atopou unha praza a un prezo máis axustado do que lle ofreceron nos baixos do seu edificio. Así que acaban de abrir unha floristería a cincuenta metros da miña casa, pensa Rafael B.D. É unha curiosa casualidade, tendo en conta que non lembra a última vez que decidiu regalar flores a unha muller. Faille graza pensar que no mesmo local onde anos atrás se defendeu da soidade, bebendo cervexa cos ollos postos no partido da Champions League, agora ten a posibilidade de adquirir algo que delata un estado de ánimo radicalmente distinto. Esa electricidade que sente pode chamarse amor. Pensar en Carme M.T. convérteo nun home poderoso, seguro de si mesmo. Pouco se parece a aquel bebedor compulsivo de cervexa que deixou abandonado o día en que se lle cruzou no camiño esa psiquiatra do hospital. A doutora Méndez é nova, guapa e intelixente. Especialmente adictiva. E posúe aquilo que máis lle atrae dunha muller: a capacidade de decisión.
-Aquí ten- dille a dependenta.
É un ramo soberbio, envolto en papel celofán e decorado con pequenas follas verdes, moi brillantes. Rafael B.D. está seguro de que lle vai encantar a Carme M.T. Coloca dous billetes sobre o mostrador e despídese consciente de que deixa unha xenerosa propina. A rúa está envolta nunha densa nube de pó. Os obreiros traballan arreo colocando o novo empedrado da beirarrúa, abrindo gabias e revisando pontóns. Son as once e media da mañá, pero a calor empeza a facerse insoportable. Desbota coller o coche, pensando que non lle importa camiñar ata o centro da cidade. Presentarase suoroso, como chegado dunha travesía polo deserto. É unha boa idea. Apetécelle lucir ese ramo de rosas baixo o sol, erguelo no aire coma se fose un facho ardente, utilizalo como unha espada contra os seus monstros. Que a xente, tan estúpida, contemple a escena do amante que acode a un encontro disposto a estoupar de felicidade. Se cadra dese xeito, coa camisa totalmente enchoupada, imitando un corredor de maratón a piques de atravesar a liña de meta, ata pode cruzar as rúas co semáforo en vermello e conxelar o tráfico coma nunha fotografía. Parar o mundo. Que todo xire ao seu redor. Está certo de que o saudarán os condutores dos autobuses, os taxistas e os policías.
Cando se sente tan pletórico, Rafael B.?D. lembra vellos éxitos de country de foraxidos.
-Johnny Paycheck: She's All I Got- pensa antes de botar a correr.
RESUMO
Aurora P. G. tenta relaxarse vendo unha tertulia de xente famosa pola televisión. Unha vez na cama, sen poder conciliar aínda o sono, a muller escoita abrir a porta do domicilio. Medo, moito medo. Aurora P. G. coñece aquel ruído de chaves que se mestura cunha tos seca e moi ronca. O seu home sempre chega de madrugada, e nos últimos días adquiriu o costume de tirala na alfombra antes de durmir.