16 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

DISE moito que o correo que circula pola Rede, como as mensaxes de texto enviadas a través dos teléfonos móbiles, estanlle causando un grave dano ao vello rito de escribir cartas, e pode que sexa certo. Aínda que un tende a crer que o temor a que as tecnoloxías novas acaben por levar necesariamente á morte aos inventos que as precederon, só é outra máis entre as supersticións modernas. Como di Vari Caramés, que segue retratando a alma dos días -non o que aparentan- con cámaras de xoguete e película da de antes, «os bolígrafos non se van acabar, por moita Internet que haxa». En calquera caso, a fervorosa querenza polo papel, a tinta, o correo postal e as imaxes captadas con máquinas de obxectivos de cristal que funcionan con pezas de reloxería -esa devoción na que a veces hai tanto de nostalxia-, non está rifada coas maxias da informática. Nin, por suposto, coas da electrónica; e tampouco coas novas linguaxes que crearon. Esta mesma noite, en apenas uns minutos, tomando algo parecido a un café nun vaso de plástico e sen dar nin un paso, grazas á Rede acabo de decatarme do moito que avanza Moncho Pernas na escritura da súa nova novela e puiden ver por fin unhas imaxes que só soñara: as de Zatopek gañando a carreira dos cinco quilómetros nas Olimpíadas de Helsinki en 1952, cando parecía que o atleta checo, que anos despois sería condenado a varrer de madrugada as rúas por defender publicamente a liberdade, non ía conseguir ningunha medalla. Prodixios dun milenio no que todo cambia. Hoxe só o corazón humano segue igual que sempre; dubidando ante a escuridade.