O inexplicable

SOCIEDAD

FALABA Miguel Carlos Vidal, autor de versos que habitan onde o tempo non existe e cofundador daquela revista Aturuxo que foi un refuxio para as mellores letras na dura Galicia de mediados do pasado século (a de Iglesia Alvariño, a de Garcés, a de Pimentel, a de Novoneyra, a de Manuel María...), e dicía que a poesía, se pode ser explicada, non merece tal nome. Afirmaba el, naquel momento, que a mellor literatura vive noutro lugar distinto ao da experiencia, allea á lóxica e ao raciocinio; nun reino no que só a rara intuición do invisible abre as portas do coñecemento. Na tertulia do café, entre apuntes de Collado para un mural que deixará constancia da celebración dos mil cen anos de San Rosende e ante as estrañas fotos eléctricas que chegaban ao teléfono móbil cargadas de desenfocados retratos de viaxeiros que apuran as vacacións de setembro, había un asento baleiro. Faltaba Lorente, José Lorente de Castro, o mago amigo de Merlín que actuou ante os poderosos do mundo enteiro e que espertou os aplausos de tantas estrelas de cine de dourados cabelos ?no seu tempo había de verdade estrelas, aínda que resulte difícil crelo...? en noites nas que, co champán, saían á luz os segredos. Pensaba eu que el (xa non camiñaba facilmente) estaría quizais no Casino, que chegaría no último momento. Pero agora recibo a noticia da súa morte. Dinme que morreu cando viña a vernos. E sei, co corazón roto, aínda que non poida explicalo, que aquel asento non estaba baleiro.