Día de inverno

SOCIEDAD

DENDE ESCANDOI

14 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

POIS agora que o penso, tampouco a eles lles preguntei o nome, nin sequera sei como se chamaban. E ben que o lamento. Eran unha señora e un señor chegados de Francia. Un matrimonio de Lorient que contemplaba admirado o Pórtico da Gloria, na catedral de Santiago; esa marabilla que a min, e desculpen a confidencia, ás veces case me fai asomar as lágrimas. Eles, aqueles peregrinos, fondamente conmovidos tamén, emocionados ante a impoñente presenza da obra do Mestre Mateo, falaban, cando entrei, da Trindade. Despois fixáronse nos músicos, nos anciáns dese Apocalipse que en realidade ten pouco que ver coa desesperación e coa escuridade, porque anuncia a chegada dun novo Reino, da Luz prometida na Revelación: da Salvación que representa esa fermosa figura de Noso Señor, baixo toda a beleza compostelá do arco. Os tanxidos da campá das horas, ao tempo que ían envolvendo a cidade, entraban na basílica, daquela case sen xente, e acariciaban as pedras todas, coma se nos chamasen. E como alí, naquel momento, non había ninguén máis, preguntáronme algo que non sei se sabería contestarlles, creo que non, dese Santo dos Croques que é o propio escultor, e que leva oito séculos mirando o altar, axeonllado. (Falamos, ademais, de que cando non esteamos no mundo seguirá habendo quen, por exemplo un día de inverno, se acorde de Deus ante as pedras labradas; e de que quizais tamén iso forme parte da eternidade.)