DENDE ESCANDOI
17 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.AQUÍ o tedes, un fenómeno. E coidadiño ¿eh? ¡A ver a que andamos...! Ninguén pode discutirlle que xa non vai atopar rivais, por moito que intente encontralos; nin que é, para sempre, o máis grande. ¿Que pasa, que aínda non quedou claro? Pois tranquilos, ¿eh? Que cada un pense o que lle dea a gana, pero a verdade só ten un camiño. E el, só el, é quen vai cara á inmortalidade. Por máis voltas que lle sigades dando. ¡El, si señor! Un mestre de mestres. O inimitable, o incuestionable, o invencible rei do ciclomotor acrobático. Outra lenda do asfalto. Un auténtico prodixio cos motores dun vinteavo de litro. Despois de miles de horas de adestramento, de dedicación constante, a súa destreza é tal, que sería capaz de pasearse unha mañá enteira sen usar outra roda que a de diante. Ademais, non acaban aí as súas virtudes: non hai videoxogo que se lle resista. E o dos móbiles, xa nin digamos: é coma se os inventase. Madrugar non madruga, pero é que se deita tarde. Anda á última moda (pantalóns calculadamente frouxos, gorra de béisbol, camiñar abaneante...). Segue pensando en formar un grupo de música, «algo totalmente novo», pero aquí sempre andaron escasas as oportunidades. Non cre en arcaicos ritos familiares, di que «o mundo cambia». Vai ao seu aire. Mais, así e todo, non marcha da casa. Tanta leria xa o cansa, si. E tanto que o cansa. Pero fará un último esforzo. Quedarase, ¡Ao fin e ao cabo, 37 anos, e recén cumpridos, tampouco son tantos!