Mar de Lonxe

SOCIEDAD

DENDE ESCANDOI

05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SE FAGO MEMORIA, decátome de que xa me tiña encontrado en máis dunha ocasión con ela. E se os recordos non me enganan, todas as veces moi cedo. Saíndo dalgún deses traballos que polo xeral se fan antes de que abra o día; como limpar oficinas, por exemplo. A esas horas, talvez camiño do primeiro autobús, anda invariablemente a toda présa. Co pelo recollido nunha trenza de mariñeiro e sempre cuberta cun impermeable negro. Nin sequera a noite lle apaga a luz deses ollos -no seu caso ollos tan claros, por certo- de muller afeita a plantarlle cara á vida sen apartar a mirada en ningún momento. Non sei que idade terá, é probable que menos da que aparenta. E aínda que debe sorrir pouco, tampouco debe de ser xa de chorar facilmente. Hai vidas que endurecen a calquera. Volvina ver hai un par de días. Pero non na cidade na que traballa e na que seguramente non vive, senón fronte ao Mar de Lonxe, nun santuario no que as campás, coa súa voz de bronce, teñen por costume despedirse do sol antes de que se deite no océano. Levaba un neno da man, un pequeno tamén de ollos claros ao que lle comprara un barquiño de plástico azul con chemineas coloradas e bandeiras. Mentres acendía unha vela, o neno preguntoulle como chegara ata alí aquel santo. Ela contestoulle, sen dubidalo, que nunha barca de pedra. E despois, rezando en silencio, deixou ao pé do altar un exvoto de cera. Era un corazón, naturalmente.