Éxitos sen oíntes

SOCIEDAD

LUZ DE CRUCE

16 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI XA bastantes anos, dúas cancións en galego encabezaron a lista de votacións dun programa de radio que tentaba elixir o éxito do verán. Sen pretendelo, aqueles temas, un de Os Resentidos fronte a Xil Ríos, escenificaron tamén unha discusión xeracional: os rapaces chamabamos por Galicia caníbal , coñecida mellor polo seu estribillo, Fai un sol de carallo ; os maiores, claro, preferían ao cantante melódico, pero nós o ignorabamos ata tal grao que agora nin lembro cal era a súa canción. Era o anovador contra o tradicional, o divertido contra o soso, o pop contra a canción lixeira. Era, en definitiva, nós contra eles, o xove contra o vello. Tampouco lembro quen gañou aquela competición radiofónica: para min era o de menos, porque tiña claro que Galicia caníbal era un clásico patrimonio do sempre necesitado pop galego, e, como tal, capaz de resistir o tempo. Pensábao ata hai unhas semanas, cando descubrín nun aula de Secundaria que aos rapaces non lles soaba a canción e moito menos o nome do grupo. En cambio, Xil Ríos, contra quen non teño nada e lle desexo moita sorte, vén de publicar un novo disco e lembro ben de velo varias veces na TVG. Tampouco se trata de pedirlles a Os Resentidos que volvan; eles xa cumpriron. Pero a pregunta segue sen resposta: ¿por que unha das poucas cancións memorables do pop en galego xa non ten oíntes? Mentres pensan nisto, lembren que o mércores facemos quince anos sen Andrés Dobarro, autor de O tren .