O que é o fútbol. Case vou comezar por presentar os personaxes que xa imaxino que, aínda que sexan nais e pais da patria, non son o que se di moi coñecidos. El é José Manuel Baltar, deputado do PP pola provincia de Ourense e fillo doutro ilustre Baltar. E ela é Laura Seara, deputada ourensá tamén, aínda que polo PSOE. Será que o Ourense ten pouco glamour aínda, pero Baltar junior chegou onte ó Parlamento cun sorriso inabarcable. E á hora do aperitivo, descolgouse cun convite na cafetería do Parlamento con pinchos, viño e... merengue. Claro, era o día dos merengues. E seica Baltar fillo é un dos confesos e irredentos. Así que, celebrou a novena e invitou a quen quixo compartir a súa ledicia futboleira. Laura incluída, ademáis de persoeiros como Iravedra ou Cortizo, pesos pesados ambos do PP e do PSOE. O caso é que a xove deputada socialista debeu pensar que ó impecable aspecto do seu correlixionario futbolístico, que non político, lle faltaba o detalle máis importante: a bufanda. E alí mesmo lla calzou. E os dous foron felices e comeron, merengues, claro. En calquera caso, a ninguén lle sorprendeu a arroutada de Baltar. Seica na derradeira Copa de Europa que gañou o Madrid, montou un auténtico santuario branco no seu despacho, daquela na delegación provincial de Agricultura en Ourense. E non só branqueou o despacho, tamén acudiu ó chollo vestido coa camiseta madridista.
SCHRÖDER, O EMPERADOR ESPIDO. Aínda que sexa o día das Letras Galegas, saímos unha miga do país para repasar a portada da revista alemana Stern. Non pensen vostedes que é unha revista de humor. É unha das máis serias do país. Pero a política do dirixente inspirou ós periodistas a facerlle unha comparación coa fábula do emperador espido. Xa saben, aquel rei tan vaidoso que, aínda que non levaba roupa, deixouse enganar pola corte e paseou nu ante o seu pobo. En calquera caso, a Schröder, a comparación non lle gustou. E, a caricatura, aínda menos. Se demandou aos que dixeron que se tinguía o pelo, imaxinen do humor que ten que estar con esta portada. Desde logo, non fixo aínda declaracións públicas, pero a súa voceira si. Di que o mal gusto da caricatura está relacionado coa perda de audiencia da revista.
A VODA DO MILENIO. Anunciarana en outono. Ou iso di o Daily Express. Carlos de Inglaterra só agarda que rematen os actos do Xubileo da súa nai para anunciar a voda con Camilla Parker-Bowles. A fonte do periódico é o escritor Christopher Wilson, autor da biografía de Carlos. ¿Será verdade?