Letras con vida

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

TORDOIA

27 dic 2019 . Actualizado a las 09:00 h.

Vin o outro día polo veciño municipio de Tordoia que nalgunhas marquesiñas acaban de escribir expresións moi nosas. Coñecidas e sinxelas, pero que non está de máis telas ao lado mentres te abrigas esperando polo bus, ou se paseas sen máis. Son A vaquiña polo que vale, Nunca choveu que non escampara, Éche o que hai... Dese estilo. Sei de sobra que moita xente non lle dá importancia a estas cousas. Por non dar, nin llo dan a pintar as medianeiras das casas, e non só as de Carballo, que é todo un exemplo estatal, senón que cada vez están por máis sitios: Malpica, Baio, O Couto... Non digamos xa as mensaxes que hai nos pasos de peóns do centro carballés, que me dá a min que moitos xa se borraron ou marcharon para outro sitio. Non sei se foi o ano pasado ou o outro que, polo medio de Madrid, cerca da Puerta del Sol, atopara algo idéntico. Eu, que só vira algo aproximado nos meus anos ingleses, cos famosos look right, look left (mira para a dereita ou a esquerda ante de cruzar): parece unha tontería, pero salva vidas.

O valor inmaterial está no noso patrimonio histórico e paisaxístico, obviamente, pero dentro dos graíños pequenos que conteñen a fariña que nos alimenta a mente, aínda que sexa distraidamente, tan só un segundo, tamén está que as paredes che falen cando pasas. Ese debuxo, esa gran obra de arte, esa frase que se cadra serve para que botes un sorriso ou penses un pouco, que nunca está de máis.

Tamén me gustan outros carteis que hai en moitas curvas cegas das nosas estradas, pero eses non teñen poesía: Prohibido verquer lixo. Sanción máxima 1.750.000 euros. Iso si que o colles á primeira!