Relevo máxico

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

SANTA COMBA

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, cando me avisaron de que morrera a sanadora de Santa Sabiña (Santa Comba) tamén me dixeron que na mesma parroquia xa traballaban no mesmo outras dúas persoas. E, a poucos quilómetros, dúas máis. Queixámonos moitas veces de que o rural non ten relevo, pero nas cousas máxicas vaia se o ten. Se cadra por aí hai un nicho de emprego, pero hai que escoller ben o target. Téndese a mesturar todo: carteiras, compoñedoras, sanadoras, meigas sen máis... Póñoo en feminino porque son mulleres a maioría, pero non todas. A modernidade e a cultura tenden a ignorar ou mesmo desprezar a esta xente (ou a poñelos a todos xuntos, e hai enormes diferenzas), mais eu penso que lle hai que ter un gran respecto. Xa sei de sobra que o que fan vai en contra da ciencia, pero falamos de personaxes clave na historia de Galicia. Se sacamos aos aproveitados, que sempre os houbo, estes druídas teñen dado moita axuda. Chámalle psicolóxica, ou de placebo. Ou de orientación ao especialista médico cando era necesario, en tempos que non son os de agora. Iso téñoo visto. Xa me tocou levar a algunha persoa de consulta (á de Santa Sabiña, unha delas: imposible esquecer aqueles altares) e tamén ser asistido de moi neno para sacar o aire. Só me queda a lembranza do fume, os ulidos, os rezos e as voltas. Iso non é superstición, é antropoloxía. Creo que hai que velo con estes ollos, que explican aínda moitos costumes que temos, e que se van perdendo. Como as vellas árbores nos campos da festa ou da feira: debaixo delas había que selar os tratos. E que mellor lugar para comprometerse que na beira de árbores que foran consideradas máxicas!