Grazas, sanidade pública, grazas irmáns

Uxía López Rodríguez
Uxía López TRIBUNA

ROIS

04 feb 2019 . Actualizado a las 09:33 h.

De forma excepcional nos 22 anos que acabo de cumprir en La Voz de Galicia, hoxe vou escribir unhas liñas en primeira persoa. Sinto a necesidade de transmitir o meu agradecemento aos profesionais da sanidade pública galega e aos meus irmáns, trala morte do noso pai a causa dun cáncer.

Detrás dese concepto de sanidade pública está, no noso caso, o Hospital Clínico Universitario de Santiago e servizos como o de Urxencias, Oncoloxía ou Dixestivo. O último día, tamén Coidados Paliativos. Están as plantas terceira, cuarta e quinta do hospital; están as dúas médicas de cabeceira que o trataron, así coma o resto dos profesionais da sanidade pública galega, dende médicos a enfermeiras, auxiliares, celadores... So hai palabras de agradecemento para eles, para todos, non vou facer excepcións, pero si mencións especiais. Ao equipo de Oncoloxía da doutora Yolanda Vidal que, o 31 de xullo de 2017, debeu pensar, ao ver meu pai entrando en cadeira de rodas na súa consulta, que ía dereito da guerra polo penoso estado no que quedou tralo tratamento.

Agradecemento especial tamén ao médico de Dixestivo Daniel de la Iglesia, ao que eu, persoalmente, tamén lle quero pedir desculpas porque estou convencida de que o cheguei a molestar.

Este agradecemento sincero a sanidade pública tamén é en nome de meus irmáns.

Grazas tamén a miña nai, que non o pasou ben. E ao meu home, por estar sempre aí pese a que, seguramente, eu lle fallei a el algunha vez.

E grazas, infinitas, aos meus irmáns Carmen, Moncho e Manolo porque estes dous anos fomos unha piña para coidar ao noso pai. Grazas por tirar un dos outros, pola unión que tivemos e por entendernos tan ben.

E volvo ao principio, para recoñecer o traballo e a valía da sanidade pública galega, na que constatamos que faltan medios pero, sobre todo, falta persoal. Si, falta persoal e hai que remedialo. Pero tamén constatamos que esa carencia é compensada pola actitude, o traballo e o trato das persoas que están traballando. Un exemplo son os Coidados Paliativos do vello Hospital Gil Casares, un sitio inhumano para unha familia que vive as últimas horas dun ser querido. Este xa non é moi consciente, pero nós si o fomos e foi moi triste estar alí, nun cortello (como lle chamou meu irmán Manolo) que non reúne as mínimas condicións de modo que, por exemplo, a ventá da habitación nin sequera pechaba. É certo que isto o compensou o trato e o cariño do persoal do propio servizo, ao que so lles faltou darnos un abrazo.

De corazón, grazas sanidade pública; grazas irmáns.