Un mozo de Padrón obtivo o primeiro premio por facer en galego o seu traballo de fin de grao
PADRÓN
Iago Rei estudou Veterinaria e sempre empregou a súa lingua materna nas redaccións e presentacións académicas
20 nov 2025 . Actualizado a las 05:05 h.O mozo de Padrón Iago Rei Romero, de 23 anos, obtivo o primeiro premio no concurso O Teu traballo ten premio, convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria de Lugo, da Universidade de Santiago, para recoñecer a calidade lingüística dos traballos de fin de grao redactados e defendidos en galego. Iago Rei, que traballa nun hospital veterinario de Boiro, presentou o seu traballo baixo o título de Obstrución ureteral felina: diagnóstico, manexo e prevención, redactado e defendido en galego, a súa lingua materna e a que usa habitualmente.
«Sempre fixen en galego tódolos traballos académicos e presentacións da carreira», polo que o de fin de grao non ía ser menos, asegura. Obtelo primeiro premio supón para el «un orgullo» e máis porque o seu traballo implicou un esforzo adicional tendo en conta que a maior parte da literatura científica está en castelán e en inglés, explica o veterinario padronés.
Por iso, para el o premio é un recoñecemento que axuda a normalizalo uso do galego no contexto académico, no que considera que non está moi representado cando «é unha lingua como outra calquera, na que se pode facer literatura científica ou doutro tipo que se entenda perfectamente e cunha calidade igual ou superior a traballos en castelán ou en inglés», asegura.