De «piercings» e argolas

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

ORDES

RADIOGRAFÍAS | O |

14 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MENTRES A señora contaba o asunto as compañeiras poñían cara de espanto: «Cala, muller, cala. Levei un disghusto que díghoche que me quitou anos de vida». O motivo daquel falar angustiado era un piercing que seica puxera a neta no nariz, unha «arghola», como matizou aquela muller cun aceno de arrepío. Unha terceira, máis moderada, limitábase a dicir que «hai que deixalos, muller. Non ves que é a moda». Mentres, outra do grupo, lonxe de apagar o lume, botaba gasolina: «Non quero botar soberbias, pero se o fai a nosa arríncolle o aro de noite e mailo nariz se fai falta». A escena á que me refiro escoiteina en Ordes esta mesma semana, pero de seguro vostedes terán ouvido comentarios similares unha chea de veces. Diálogos parecidos recórdoos cando algúns rapaces comezaron a poñer un pendente na orella. Para moitas casas a chegada de novas tendenzas estéticas era unha traxedia. Fun testemuña hai tres anos nun bar da bisbarra de como un pai dicía do fillo o seguinte: «O noso está tolo de vez, agora déuselle por poñer o crotal». Aquel homiño comparaba o aro que puxera o pobre rapaz coas etiquetas de identificación coas que se marcan as orellas dos becerros.