RADIOGRAFÍAS | O |
14 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.É DIFÍCIL abstraerse da campaña. Os carteis, os altofalantes e as conversas fannos ver, como ben dicía Hermesinda de Barcala, que estamos na particular milleira dos políticos. Os labregos botan o millo aproveitando os días primaverais e os candidatos sementan a comarca de papeletas agardando que xermolen. Claro que tamén é un dos únicos paralelismos entre ambos. A baixada do prezo do leite ou o progresivo aumento da cotización dos agricultores dista ben da vida de gabinete, dietas e dedicación exclusiva. A quen noto un pouco raro é ao Marelo. O can cambiou algo de costumes e resúltame raro porque sempre o tomei por un tipo metódico: paseos pola beirarrúa e prolongadas sestas á sombra. O seu lugar preferido é a marxe que queda á dereita dos conductores que van para Ordes e á esquerda dos que van para Carballo. Pois ultimamente dáselle por cruzar e durmir de cando en vez do outro lado. Interpreto este xesto coma unha técnica de despiste. O Marelo sabe que andan por aí aos votos e non quere que interpreten a súa ideoloxía. Se preguntan porque non durme a sesta no centro a resposta é sinxela: ou cre que non existe este espacio político ou será por medo a que o desgracie un coche.