Álvaro Costoya: «Traballar fóra do sector permitiume valorar mellor o que teño na granxa»
MELIDE
O melidense destaca que a actualización tecnolóxica é fundamental para as explotacións
24 feb 2026 . Actualizado a las 09:29 h.Álvaro Costoya Valiño (Melide, 1986) representa unha xeración que decidiu quedar no rural para facelo medrar. Dende hai pouco mais de dous anos lidera Ganadería Lobeiro, unha explotación situada en Maceda (Melide) que os seus pais fundaron hai máis de catro décadas e que hoxe é un referente de diversificación en Galicia. Xunto coa súa nai, o seu cuñado e outra empregada, combinan a produción de leite —contan cun rabaño de 220 cabezas de gando— cunha granxa con capacidade para 1.200 prazas de porcino, que en breve duplicarán.
—A ausencia de relevo xeracional é unha das grandes eivas do agro galego. Por que te decidiches ti a incorporarte á actividade?
—A miña decisión tivo moito que ver coa traxectoria que xa tiña a explotación. Meus pais foron os que a fixeron medrar dende o principio e, ao ver que xa había un camiño recorrido e unhas instalacións sólidas, sentín que o máis natural era darlles continuidade para que todo ese esforzo non se perdese. Antes de dar o paso definitivo, traballei noutros sectores fóra da gandería e esa experiencia axudoume a valorar mellor o que teño aquí, a posibilidade de ser o teu propio xefe e o bonito que é continuar o proxecto familiar despois de tanto traballo por parte de meus pais. Ao final, decidín seguir o camiño que eles iniciaron, incorporando melloras para avanzar en eficiencia e rendibilidade. Gústame o sector e creo que aquí hai moitas oportunidades de futuro.
—Ti víchelo claro pero que lle dirías a un mozo que ten posibilidade de incorporarse ao agro pero ten dúbidas?
—O primeiro que lle diría é que o fundamental é ter vocación polo agro e que lle guste o mundo rural. Pero non chega con iso; para min hai tres factores clave: esa vocación, unhas instalacións que che defendan e permitan traballar con garantías e, por suposto, ter terreo, que é algo vital. Se un mozo conta con esas tres cousas, eu diríalle que vaia para adiante sen dubidalo. A diferenza do que pasaba hai anos, hoxe a gandería pode competir en condicións laborais con calquera outro oficio, sexa a construción ou calquera outro gremio. Agora tamén temos días libres, vacacións e tempo para o lecer e a familia, que é algo moi importante e que hoxe é posible organizar. Ademais, existen axudas interesantes para medrar que fan que unha familia poida vivir perfectamente dunha explotación gandeira.
—Con todo, os retos seguen a ser moitos, cales son ao teu entender os principais desafíos que ten por diante o sector leiteiro a curto e medio prazo?
—Neste sector enfrontámonos a un escenario de gran incerteza, principalmente pola volatilidade dos prezos e os elevados custos de produción. A diferenza doutros sectores, moitas veces non sabes o que vas cobrar polo leite a final de mes, mentres que os gastos en enerxía, pensos ou maquinaria se manteñen sempre en niveis moi altos, o que reduce drasticamente as marxes de beneficio. Tamén me preocupa a perda constante de gandeiros que estamos a sufrir en toda Europa. Mentres noutras potencias como Estados Unidos se aposta por un modelo de granxas moitísimo máis grandes, aquí esa tendencia cara á consolidación de grandes explotacións supón un hándicap importante para o noso modelo lácteo. Temos que incidir moito nestes aspectos.
—Apostaches forte pola tecnoloxía na granxa. Que papel xoga a innovación na gandería actual?
—Para min a adaptación tecnolóxica é outro reto fundamental que temos que ter en conta. Hoxe en día, incorporar innovacións como o muxido robotizado é crucial para ser máis eficientes; os gandeiros sentímonos case obrigados a dar ese paso para non quedar desactualizados. Outro tanto pasa coa agricultura de precisión, un aspecto importantísimo para garantir a sostibilidade económica e ambiental das nosas granxas.
—O sector ven dun excelente ano de prezos e marxes de beneficio. Que opinión che merece a proposta inicial das industrias de aplicar recortes no leite en orixe?
—Eu creo que é un globo sonda que están lanzando. Falábase de recortes de ata dez céntimos nalgún caso, algo que non ten sentido ningún no momento que estamos no que a cadea de valor, despois de moitos anos, parece que está máis ou menos equilibrada.
Gañamos todo e non ten sentido, sobre todo sendo deficitarios en leite, que haxa cambios tan drásticos. En calquera caso, penso que se debe seguir mellorando a capacidade de negociación dos gandeiros porque seguimos traballando coma sempre pero sen saber a canto imos cobra a final de mes.
—Vos tamén tedes unha explotación porcina incluso cun proxecto de ampliación. Tras un período moi bo agora parece que os prezos volven caer, non é? Por que hai tan pouca estabilidade nese sector?
—A realidade é que o porcino nunca foi un sector estable. É certo que vimos duns anos moi bos, pero agora os prezos volveron caer un pouco e a estabilidade do sector cambalea. As causas desta inestabilidade son variadas: por un lado está o tema da peste porcina, que afectou ao consumo e provocou a caída de prezos e, por outro, a caída da importación china. Con todo, e a pesar desa inestabilidade, na casa estamos moi contentos coa explotación, que traballamos a través dunha integradora dende o ano 2018. Así é que decidimos seguir apostando por este sector cun proxecto de ampliación que nos permitirá achegarnos ás 3.000 prazas.
«Agora tamén temos días libres e tempo para o lecer e a familia, que é moi importante»