O galego repasa a súa traxectoria profesional no espectáculo de monólogos que leva este domingo a Melide
13 abr 2019 . Actualizado a las 20:04 h.Súperpiñeiro bautizouno como artista. Pero dende que David Amor debutou no programa que o incombustible de Allariz tiña na televisión pública autonómica pasaron preto de dúas décadas, case media vida para quen entre os seus segue a ser David López (Salceda de Caselas, 1980). «Non me fagas renunciar ao apelido, a ver se meu pai me vai desherdar», chancea. Onte estreou anos e este domingo 14 en Melide (Casa da Cultura, 20.00 horas), o seu último espectáculo.
-¿Qué ofrece en «Selfie»?
-Humor e diversión. Máis que o que se conta, trátase de que a xente pase unha hora e media rindo e saia do espectáculo con bo corpo.
-Pero avánceme algo de contido para abrir o apetito...
-Melide é especial para min porque alí pasei moitas fases da miña xuventude de festa. Son de Vila de Cruces. Entón, falarei un pouco das miñas vivencias en Melide e, a partir de aí, da vida e obra dun mesmo, pero levada ao humor.
-¿Que acollida está tendo?
-Ou me menten moito, ou a verdade é que moi ben. A xente marcha contenta, co que obxectivo cumprido. É un espectáculo sen máis pretensións e cunha moi alta, que é tratar que a xente o pase ben. Non é fácil, pero cando o consegues é moi satisfactorio. Creo que teño a sorte de ter un bonito vínculo co público que permite seguir vivindo desto.
-¿Gústalle facerse «selfies»?
-A min especialmente non, pero conto un pouco a vivencia do día a día coa xente que me pide facernos selfies.
-Non é entón escravo dunha práctica da que os personaxes televisivos semella que son carne de canón. Dígoo porque alimenta o ego do mesmo xeito que, dalgunha maneira, o fai a popularidade mediática...
-Non, non. Son un egocéntrico en xeral. Non necesito do selfie para alimentar o ego. O que fago é subirme a un escenario, que é outra maneira de selfie, pero ao besta.
-Agora mesmo compaxina a televisión cos monólogos. ¿Quédalle tempo para traballar nalgún proxecto futuro?
-Estamos pelexando en cousiñas, pero nada concreto e nada por Galicia, por desgraza, porque é o que me apetecía de verdade, traballar na casa a nivel de tele, pero mentres vaia aparecendo por fóra, tampouco hai queixa.
-E entre quen facedes monólogos, aínda que non sexa feroz como en televisión, ¿hai competencia?
-Non. Hai moi boa sintonía. Somos conscientes de que a unión fai a forza. Esta é unha profesión bastante solitaria, pero, de vez en cando, gústamos xuntarnos e facemos cousas polo mero pracer de traballar xuntos. Iso é sinal da boa saúde que ten o sector.
-Actor, humorista, presentador de televisión e xogador de balonmán. ¿Con que se queda?
- En todas as facetas gozo, todas me aportan algo. Sempre fixen o que me gustaba. Penso que ese é o verdadeiro éxito dun.
-¿Ningunha espina cravada?
-Teño moitas ganas de facer unha película. Si que o fixen para fóra, pero no ámbito nacional non está xurdindo a oportunidade de facer algo dramático.