«A Xunta está preocupada porque os proxectos da cidade saian adiante»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

BOQUEIXÓN

SANDRA ALONSO

O exdirector xeral de Xuventude e exalcalde considera que a clave da política «é estar ao servizo da xente»

08 oct 2017 . Actualizado a las 23:05 h.

Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972) asumiu en novembro do 2016 o cargo de delegado territorial da Xunta deixando a alcaldía de Boqueixón e coa experiencia de seis anos como director xeral de Xuventude. Toda esa evolución a fixo sen deixar a súa casa de Lestedo.

-Leva asumindo responsabilidades políticas desde hai moitos anos, ¿como varía a forma de traballar en cada unha delas?

-Hai un punto de encontro en común con toda a miña traxectoria, porque participando na vida política, dunha forma ou doutra, a clave e estar ao servizo da xente. Nun concello traballas con moita cercanía, na Dirección Xeral de Xuventude, máis na parte de planificación, pero tes contactos con moitas consellerías porque case todas teñen programas para a mocidade. E agora a tarefa que me toca é de facer máis de enlace, de correa de transmisión cos 93 concellos e Xunta. Ao final, todo se traduce no mesmo, en dar servizos ás persoas.

-¿Como pode contribuír un cargo como o delegado territorial para dar eses servizos?

-Este é un traballo de dobre dirección. Por un lado temos que estar en contacto coa xente para atender as súas necesidades, polo outro, desde a delegación se están executando os distintos programas que deseña a Xunta.

-Na comarca de Santiago hai moitos concellos de distinta cor ao da Xunta, e a crítica do favoritismo sempre está presente.

-Non podo compartir ese comentario porque non é certo. A Xunta só busca a colaboración cos concellos con total claridade e transparencia. Moitos proxectos son de concorrencia competitiva e hai valoracións técnicas, non políticas.

-Por exemplo, Ames bota en falta celeridade co centro de saúde e hai queixas polo reparto dos obradoiros.

-En Ames estamos facendo un dos poucos centros de saúde que se están executando na provincia, e tamén hai un investimento importante no instituto e un obradoiro de emprego compartido con Brión. E hai concellos que se quedan fora porque non completaron a tramitación, e teriamos que prevaricar para aprobalos.

-E con Santiago, ¿canto hai de respecto institucional e canto de enfrontamento político?

-No caso concreto de Santiago, o papel da Xunta e o do presidente está sendo de máxima lealdade coa cidade e co máximo empeño de que as cousas saian adiante. Traballamos nunha nova escola infantil, o maior investimento en Santiago vai ser unha nova Facultade de Medicina, proxectamos 60 vivendas de promoción, a variante de Aradas, a inversión na Catedral e o servizo de axuda no fogar, no que a Xunta oferta oito mil horas e Santiago utiliza so 5.200. O certo e que se atascan certos proxectos por temas menores, pero non pola Xunta.

-¿Por responsabilidade de Raxoi?

-Non o sei. Pero, no caso da intermodal, a Xunta aprobou unha lei de urxencia para adiantar o tempo perdido, polo que non se lle pode achacar á Xunta ese retraso. Eu creo que gobernar supón xestionar, e xestionar supón estar moi en contacto cos departamentos técnicos, porque os trámites necesitan un seguimento, pero o máis difícil de toda a vida foi ter orzamentos blindados para os proxectos, e os temos, pero da a impresión, non sei, de que temos que pedir permiso para facer cousas, cando en moitos sitios nos están presionando para sacar proxectos adiante.

-O Xacobeo do 2021 está na axenda de todas as institucións. ¿Os proxectos que promove a Xunta van estar listos?

-A Xunta está preocupada, e está poñendo o máximo empeño en que todos os proxectos saian adiante dotando dos orzamentos para poder facer da cidade de Santiago unha cidade como se merece a capital de Galicia e os seus veciños.