Milladoiro, berce galego contra o acoso

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

O instituto amesán aproveitou o programa Titorías entre iguais e una xornada de convivencia cos nenos da escola infantil para que os rapaces recuperen a lingua propia

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Valentina Formoso, profesora de lingua galega e coordinadora da equipa de Normalización Lingüística do IES do Milladoiro fala galego de Rianxo, pero a inmensa maioría dos 453 matriculados no instituto falan castelán de Ames, e iso que en moitos dos casos mamaron o galego.

Sabedora ela, e o resto dos docentes, desta realidade, dedicaron a xornada de onte a actividades para fomentar a convivencia entre rapaces divertíndose xuntos e tamén ensinando aos nenos do veciño colexio de educación infantil distintos xogos tradicionais co galego como idioma de comunicación.

O instituto do Milladoiro xa tiña camiño feito na parte da convivencia grazas ao programa Titorías entre iguais, no que alumnos de terceiro ESO fan de titores de rapaces de primeiro para axudalos na chegada a un centro novo e para vixiar posibles situacións que poden derivar en acoso escolar se non se collen a tempo.

A relacións deste curso aínda son moi recentes, pero iso non foi impedimento ningún para que os maiores, e os que non son tanto, sacaran toda a responsabilidade que levan dentro para ensinar, vixiar e divertirse coa rapazada de entre 3 e 6 anos.

A xornada, ensaiada durante días, foise organizando por quendas. A distancia entre ambos centros é pequeniña para as pernas dun neno de secundaria, pero un longo percorrido para os cativos da EEI Milladoiro, que chegaron camiñando desde a outra beirarrúa da Travesía do Porto. Isto provocou algún retraso e certo medo coa posibilidade de que algún encontro quedase suspendido.

«Eu podo ir buscalos», sinalaba unha das alumnas de ESO, das máis interesadas en xogar cos pequenos. Mentres agardaban a súa chegada, os grupos do alumnado do instituto foron preparando os xogos e ensaiando como afrontar unha situación nova, porque en moitos dos casos estes estudantes de secundaria son fillos únicos e non teñen o costume de xogar con rapaces moito máis novos ca eles que tamén teñen que coidar.

Carmen Beceiro Trillo, de trece anos, é a titora de Paula Quinteiro Ramos, de doce. En idade apenas hai diferenzas, pero si en canto a timidez e curso académico. As dúas teñen en común que na súa casa o galego é a lingua que impera, e tamén a que adoitan falar elas coa familia, pero cando chegan ao instituto a cousa cambia. «Afíxenme a falar castelán porque é moi raro usar o galego soa no instituto», sinala Carmen, que tamén tira de castelán para falar con Paula. «As dúas teñen bo galego», engade Valentina Formoso, impulsora desta actividade da que fai un bo balance e agradece o traballo conxunto de moitos docentes.

A piques de rematar a xornada, recoñece que está moi satisfeita co resultado, polo que case que se pode dar por feito que terá continuidade. O que xa está garantido é que os dous centros terán máis actividades conxuntas. A seguinte vai ser unha lectura dramatizada en galego de contos por parte dos alumnos do IES do Milladoiro cos nenos da escola de infantil como público.