Un volume reúne a poesía de Xosé Luís Franco Grande: «Nela aprendemos leccións cruciais para a vida»
SANTIAGO
A publicación, «Un intre no tempo», foi presentada onte en Santiago, unha cidade que marcou ao escritor
20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Santiago, a cidade que supuxo «un verdadeiro punto de inflexión» na vida de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, 1936-Vigo, 2020), pois nela coñeceu aos que se ían converter nos seus grandes referentes vitais, como Ramón Piñeiro e García-Sabell, foi onte o escenario da presentación do libro Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), no que Galaxia compila os catro poemarios que o escritor publicou en vida: Entre o si e o non (1967), Herdo de memoria e tempo (1987), Xoguetes do tempo (2015) e Libro das abandonadas (2017). «Pensamos que é a maneira máis acaída de reivindicar a figura de Xosé Luís Franco Grande», destacou o director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, nun acto no pazo de San Roque no que participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; as fillas do autor, Navia e Rosalía Franco Barreiro; e a editora do libro, Teresa Seara.
Un intre no tempo «é un orgullo e cremos que para o noso pai sería unha gran satisfacción porque, aínda que cultivou diferentes xéneros, era fundamentalmente poeta», afirmou Rosalía Franco Barreiro, que tamén amosou a súa confianza en que o volume «facilite o coñecemento da poesía de Xosé Luís Franco Grande para os novos lectores e, á vez, permita aos antigos volver a gozar dela». Por iso, convidou a ler os seus versos «contribuíndo a que Franco Grande siga vivo a través da súa obra».
Na vixencia da obra poética do autor do Diccionario galego-castelán incidiron tanto a editora do libro como o secretario xeral da Lingua. «A súa poesía non só nos segue emocionando, senón que nela aprendemos leccións cruciais para a vida», afirmou a filóloga Teresa Seara, que repasou algúns dos sinais de identidade da súa obra. Así, detallou os poemas moi próximos ao existencialismo, principalmente na súa primeira obra. Tamén fixo fincapé en que boa parte da obra poética franquiana «resulta un canto celebrativo da terra e dos seus», sen esquecer tampouco os poemas de circunstancias, textos máis culturalistas e versos de denuncia «nos que deixa claro o seu compromiso coas causas xustas elaborando neles un retrato lúcido, e á vez moi crítico, da sociedade». Neles, engadiu Seara, «pon de manifesto os seus males endémicos e concede ás vítimas un papel protagonista». Valentín García, pola súa banda, incidiu na «rabiosa contemporaneidade» da obra de Franco Grande con temas que seguen vixentes no presente.
Un dos aspectos máis destacados foi o forte vínculo de Xosé Luís Franco Grande coa capital galega. «Santiago foi a cidade que o fixo ter máis sentido de país e que lle abriu os ollos ao europeísmo. Sempre levou a Santiago no corazón, xunto cos recordos que atesourou nunha época de resistencia cultural e de anos verdadeiramente escuros. Ramón Piñeiro, García-Sabell e Otero Pedrayo foron un facho que alumeou aquela vida universitaria que tan importante pegada deixou nel», recordou a súa filla Navia Franco Barreiro, que rematou a súa intervención lembrando unhas palabras do escritor: «Debo toda a miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos 50 retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia». Para Valentín García, que pechou o acto: «Franco Grande ten que ser unha referencia constante».