Miguel e Susi, do Merlego: «Ilusiona que a un bar máis apartado moitos suban para comer a nosa androlla ou polo Celta»
SANTIAGO
Parella na vida e no traballo, abriron en 1999 na rúa de Angustia, en Santiago, un local que se afianzou entre os veciños do barrio de San Pedro e entre os seguidores celestes. Desde hai máis de 20 anos tamén suman eco pola gastronomía: «Varios grupos celebran aquí cocidos de cedo, en novembro, e repiten con outro no entroido»
15 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nesta época de cocidos un dos bares de Santiago que se afianza como parada gastronómica é o Merlego, na rúa da Angustia. «Temos reservados cocidos mesmo ata abril. Neles sempre incluímos a androlla, algo non típico aquí, pero que traemos da miña terra, de Viana do Bolo», explica Miguel Barja, de 59 anos. «No 2005 fixemos a primeira androllada… Á xente gústalle probala», engade a súa muller, María Jesús Villaverde, Susi, de 53 anos, natural dunha aldea de Forcarei. «Moitos identifícannos como o bar do Celta, pero, desde hai dúas décadas, crecemos tamén entre música e festas gastronómicas», evocan. «O nome de Merlego vén de Viana. É o frondoso souto de castiñeiros onde Miguel xogaba de neno», apunta Susi.
«Nos 90 eu collera o traspaso dun bar no Cantón de San Bieito. Era o Clandestino. Non durou moito, pero pensei rápido noutro, que quería que fose no entorno da rúa de San Pedro. Ao final, atopamos o local dun antigo bar na rúa da Angustia. Alí abrimos o Merlego pequeno», lembra cun sorriso Miguel, falando xa en plural. «Eu, tras estudar Educación Musical, e, ao non saír oposicións, sumeime ao proxecto; e feliz. Púxenme cos fogóns. A cociña, caseira, aprendéraa na casa», aclara Susi. «Abrimos en 1999 cando se mercaban os partidos polo pay per view. Miguel, que non pode pasar sen o Celta, collía todos os do equipo. No inicio víaos só con 5 persoas, e con dous nenos do barrio. Un deles hoxe traballa no Celta, en Vigo», sinala Susi. «A ese rapaz o becho non llo metín eu. Xa o tiña», chancea Miguel.
«Grazas ao boca a boca, rapidamente o negocio encheuse. O local quedou pequeno e no 2004 mudamos ao actual, un antigo garaxe na mesma rúa. A hostalaría aí era distinta, sen tantos bares... Xente dicíanos se non arriscábamos ao apostar por un local dunha rúa non tan transitada, á que se chega tras desviarse da de San Pedro», relatan. «Pero Miguel tivo un punto visionario. En contraposición a min, el é, ademais, moi positivo. Tivo claro todo, coma ter unha gran pantalla. Coma nese 2004 o Celta ía descender, quería ver ben os partidos que restaban», evoca Susi. «No inicio programábamos concertos. Gústame a música. Parezo serio, pero non o son tanto», sorrí Miguel, poñendo en valor que grupos tradicionais coma Os Estalotes non fallen no bar. «Quixemos sorprender coas tapas. Cada xoves hai filloas», comentan.
Sobre o Celta, encadean datas. «No 2010 fundamos a peña Merlegos Celestes. Nela comezamos 70 e agora somos 449. Non fallamos en Balaídos... Da peña partiu a idea de organizar a I Romaría Celtista. Fixémola aquí, na Almáciga. Agora, cada ano, as peñas móntana de forma itinerante por localidades galegas», afirma Miguel. «No 2012 chegou o ascenso a Primeira, no que puxemos cervexa gratis. Foi unha tolemia, con 100 persoas fóra ao non caber. Ata veu a policía porque non pasaban os coches. A diario, nun partido relevante, pódense xuntar aquí 90 persoas», sosteñen desde un negocio que, admiten, debe ser un dos que máis bufandas celestes ten. «Nós puxéramos a primeira e a xente regalounos máis... Trouxéronnolas ata de peñas de Alemaña e Gran Bretaña. Un xaponés que ten no seu país a peña Afouteza Nipón veu tamén cunha», amosan, mentres un cliente, do Dépor, chancea sobre a caracterización do bar. «Ao final entendémonos todos... O outro día, nun cocido, uns pais, do Dépor, pedíronnos poñer o himno do centenario do Celta para que o escoitaran os fillos», realzan.
«No 2005 comezamos con cocidos sinxelos, de só verdura, patacas e androlla. Esta tivémola sempre. Pouco a pouco sumamos carnes, tanto da Praza como de Viana. Hoxe ofrecemos un cocido completo; hai moita demanda!», confirma Susi, entre anécdotas. «Aquí tivemos un para 45 persoas... Varios grupos celebran cocidos de cedo, en novembro, e repiten con outro no entroido. Non esquecemos a unhas mulleres que pedían aquí o cocido, pero traían elas a cacheira... Hai pouco uns clientes fieis celebraron aquí a súa voda cun. Foi o cocivoda», sorrín satisfechos. «É todo de agradecer, desde a resposta da xente na pandemia ata na festa do noso 20 aniversario. Miras atrás e ilusiona ver que, sexa polo Celta, a androlla ou o bo ambiente, moitos si suben a un bar apartado», subliñan.