A iniciativa está impulsada por Pistacatro e conta tamén con actividades formativas e encontros profesionais
22 nov 2025 . Actualizado a las 04:50 h.O Encontro para a Formación e Innovación no Circo, Circo D10!, traerá a vindeira semana a Santiago cinco espectáculos que por primeira vez se poderán ver en Galicia. A esta programación dirixida ao público xeral, haberá que engadirlle actividades formativas e encontros profesionais.
Esta iniciativa impulsada pola compañía Pistacatro desenvolverase entre o 23 de novembro e o 2 de decembro con Santiago como escenario principal, pero que tamén trasladará ao Culturgal en Pontevedra algunha das súas propostas. Entre os espectáculos destaca «Mother. Woman. Artist.», da artista italiana Marianna de Sanctis, que se poderá ver o 25 de novembro no Salón Teatro (20.30 horas). Trátase dunha peza íntima e irónica sobre identidade, maternidade e creación que se estrea na Península Ibérica. Ao día seguinte, no mesmo escenario, a compañía catalá Silvia Capell representará «Ángela», na que se utiliza a pértiga chinesa para falar do desexo de voar. As representacións no Salón Teatro rematarán o 27 con «Caída libre para persoas con vertixe».
Pola súa banda, o Auditorio de Galicia acollerá o día 27 o espectáculo familiar «Galtir», da compañía Ateneu 9Barris. O día 30, ás 18 horas, Federicio Menini representará «Llar».
Esta programación de Circo D10! foi presentada onte no Salón Teatro coa participación de Jacobo Sutil, director da Agadic, Belém Brandido, Pablo Reboleiro e Aitor Garuz, en representación de Pistacatro; Antón Coucheiro, da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia; e Xaquín López, director xerente do Auditorio de Galicia.
No marco deste encontro celebrarase a segunda edición dos Premios Manu Lago, que recoñecen o talento emerxente e consolidado do circo galego. A gala será día 28 ás 20 horas no Salón Teatro. A nivel profesional, destaca o laboratorio con La Graneire, de Tolouse, con artistas procedentes de Francia e galegos. Ademais, celebraranse outros dous cursos.