Xosé Manuel Casabella: «A do edificio Castromil é a historia dun fracaso, hoxe non se podería derrubar»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Almuíña, Casabella e Martínez participaron nun coloquio sobre o Castromil que encheu o auditorio do Museo do Pobo Galego
Almuíña, Casabella e Martínez participaron nun coloquio sobre o Castromil que encheu o auditorio do Museo do Pobo Galego XOAN A. SOLER

A defensa do COAG non puido coa ambición dun aparcamento soterrado, e a emblemática construción dos anos 20 da praza de Galicia tirouse en 1975

01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

 Santiago reviviu onte un edificio que conservan na retina os seus veciños maiores de 50 anos, porque foi en 1975 cando as máquinas o derrubaron: o edificio Castromil. Fíxoo da man dun coloquio que compartiron Paula Franjo, Santiago Rodríguez e Carlos Paz cos arquitectos Carlos Almuíña, Xosé Manuel Casabella e Xosé Lois Martínez. Eles tres, xunto cos falecidos Rafael Baltar e Xosé Antonio Bartolomé, firmaban o anteproxecto presentado ao Concello de Santiago para intentar salvar o inmoble, recreado agora virtualmente no Arsogal.

Un momento do coloquio na tarde deste venres
Un momento do coloquio na tarde deste venres XOAN A. SOLER

«Para min a do edificio Castromil é a historia dun fracaso, hoxe non se podería derrubar pola sensibilidade social que hai». Son palabras de Casabella, que lembra a defensa do entón recén creado Colexio de Arquitectos de Galicia que non atopou resposta na cidade. Se o edificio fora dos primeiros de Santiago en construírse en formigón, a novidade de substituílo polo primeiro aparcamento soterrado puido máis que a conservación do que se vería máis como un emblema compostelán unha vez que xa se perdera. Nacido como café cantante Quiqui Bar, cun eclético deseño modernista de Rafael González Villar, empezou a súa construción no 1925, pero a crise do 1929 e o choque cunha sociedade conservadora e clerical abocaron o negocio ao peche en poucos anos. Rescatouno Castromil para facer del a parada dos seus autobuses e o seu edificio administrativo, pero a construción da estación de autobuses deixouno sen utilidade para a empresa, e de novo abandoado.

Aqueles novos arquitectos formados en Barcelona que este venres falaban no ateigado auditorio do Museo do Pobo Galego impulsaron o debate social para salvalo. E fixeron un anteproxecto valente, que permitira conservalo como centro cívico con auditorio, biblioteca, salas de reunións e oficinas municipais, ampliando a súa zona posterior cunha novidosa cúpula acristalada; ao tempo a praza gañaría un aparcamento soterrado de tres plantas con capacidade para 350 coches.

Pero non foi posible. Porque se quedaron sós, con apoios puntuais como os de Luis Mariño, Carlos Casares ou Antonio Prado Díaz. Como sinalaban no coloquio, a universidade non pulou pola súa conservación e mesmo intelectuais como Vicente Risco tiñan declarada xenreira ao edificio. Detrás da piqueta estaban novos operadores urbanos que «pretendían levar a ditadura do automóbil á cidade», e que buscaban negociar co subsolo xa que en altura non era posible neste límite entre o casco antigo e un Ensanche xa naquel tempo moi especulativo.

ARSOGAL

E o edificio desapareceu, para ser «un fantasma que se me aparece de vez en cando», como sinalou Carlos Almuíña. E que agora toma corpo en 3D, no proxecto universitario Arsogal que recupera as arquitecturas soñadas de Galicia, aquelas proxectadas pero que non chegaron a ser realidade.