O festival, que se celebra desde mañá ata o domingo en Santiago, lembrará a Emilio Cao
23 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.«A nosa vocación é ofrecer proxectos que son menos coñecidos, que abundan menos nas programacións. Movémonos para que a xente descubra novos artistas, novos territorios, linguas...». Con esa intención inicia este mércores a súa sexta edición en Santiago o festival Maré, indica o seu responsable, Vítor Belho. Para iso reunirá a máis dunha trintena de artistas ata o domingo que chegarán de puntos tan diversos como Sudáfrica, Ghana, Níxer, Colombia, Arxentina, Brasil, Gaza, Reino Unido..., sen esquecer tampouco o resto do Estado e a presenza galega, que incluirá varias estreas no marco festival.
A primeira novidade chegará xa no concerto inaugural da man de Felisa Segade coa presentación do seu novo proxecto en solitario. «É algo que non se puxo enriba do escenario», apuntou a artista, agradecendo a confianza depositada nela pola organización. «Aínda non sabemos moi ben o que vai suceder», indicou, deixando claro, iso si, que «a música tradicional respéctase». Pola súa banda, Davide Salvado achegará a preestrea de «Permita Deus»; e Germán Díaz, Benxamín Otero e a india Vidya Shah ofrecen por primeira vez «Outras trece cancións bonitas». Na cita tamén estarán Durindaina, agora que se cumpren 30 anos do seu único disco, ademais de Quico Comesaña, incluíndo unha «microhomenaxe» a Emilio Cao. «Haberá que darlle unha xusta e merecida homenaxe nunha futura edición», sinalou Vítor Belho.
No cartel, ademais, destaca o encontro entre música e ilustración con Kevin Johansen e Liniers, así como o proxecto Gala i Ovidio de Aida Tarrío —unha das integrantes de Tanxugueiras— e Raül Refree (entradas esgotadas), o regreso a Galicia do guitarrista tuareg Bombino e o surafricano Bongeziwe Mabandla. Outros nomes de referencia que pasarán por Santiago son Judit Neddermann e Pau Figueres, Sara Curruchich (Guatemala), El Búho, Leiden, K.O.G. e Briela Ojeda. O concerto de clausura será a cargo de Sol Band, formada por músicos da fronteira de Gaza, que estarán acompañados pola Frotilha de artistas galegos contra o xenocidio.
«É un programa extenso con diferentes tipoloxías de estilos», resaltou Vítor Belho durante a presentación do festival na Sala Capitol, indicando que «o mantra é a diversidade». Xunto ao responsable do festival Maré interviron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira da área de cultura de Santiago, Míriam Louzao; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Todos eles incidiron na diversidade do festival e na súa capacidade de tender pontes entre distintas culturas.
Maré volverá a sumarse, como xa fixo outros anos, á celebración do Día Internacional das Linguas este venres. «O festival é unha ponte de contacto entre as linguas», recalcou Valentín García. Pola súa banda, Natividade González incidiu na singularidade da cita que se inicia mañá xa que supón «unha demostración máis dun carácter cultural no que se combina o propio co doutras culturas». Xosé Merelles fixo fincapé no traballo do festival «para ampliar horizontes musicais», mentres que Míriam Louzao remarcou que se trata dun espazo de encontro e de diálogo, poñendo o foco na solidariedade con Gaza.
Á programación musical que se extendrá por dez espazos da cidade, combinando tanto concertos de pago como gratuítos, en locais pechados e na rúa, hai que engadirlle tamén os versos e o apartado escénico, cun espectáculo de improvisación teatral o día 27. Tampouco se esquece o festival da parte profesional reunindo a preto dunha vintena de axentes de case una quincena de países que poderán coñecer tamén os proxectos que se presentarán este cinco días.