Ames e Negreira acollerán sete espectáculos da Rede de Teatros e Auditorios ata final de ano
SANTIAGO
A primeira cita será este sábado con «Errantes» de Troula Animación en Negreira
02 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Agadic, achegará sete espectáculos escénicos ata final de ano a Ames e Negreira. En Ames, a primeira cita será o día 19 deste mes na Casa da Cultura do Milladoiro coa montaxe «Castelao», a cargo de Culturactiva, dirixida ao público familiar. O 31 de outubro recalará «Os dous de sempre. O regreso», de Mofa e Befa, na Casa da Cultura de Bertamiráns (20.30 horas). A última cita estará protagonizada por Teatro do Noroeste, que representará «Guerra» o 28 de novembro en Bertamiráns.
Pola súa banda, «Errantes», de Troula Animación, chegará a Negreira este sábado para animar a rúa de San Mauro. O 24 de outubro será a quenda de «As r(h)umorosas», de Etiqueta Negra, no Auditorio Afonso Eanes. Este espazo tamén acollerá en novembro dúas montaxes: o día 15 poderá verse «Las preciosas ridículas», de Arroz con Costra; e o día 21, «Sen lingua», de Serea Teatro.