De Ortoño a Bugallido, a semente de Rosalía une a familias de Ames na tradición e a festa
SANTIAGO
Máis de seiscentas persoas integran un tridente asociativo que encherá o Día das Letras Galegas e a romaría de San Isidro con moitas actuacións propias
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Criei as miñas fillas en galego, perdérono na escola, e agora vólveno falar». Esta frase é o mellor froito que pode dar unha asociación, que en realidade son tres, a prol da lingua e da cultura galega. Esta nai, veciña da urbanización amesá de Agro do Muíño, apostou por este espazo para vivir porque estaba a un tiro de pedra do colexio do mesmo nome, un centro educativo que axudou especialmente a crear comunidade.
En Ortoño, a parroquia á que pertence Agro do Muíño, está a casa familiar de Rosalía de Castro, nai do Día das Letras Galegas. E a outros dous quilómetros da casa rosaliana da Tarroeira atópanse tamén o Centro cultural A Mahía, a sede da asociación veciñal San Pedro de Bugallido e o edificio da Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, que naceu, como moitas en Galicia, como escola construída cos cargos que achegou a emigración.
Estes tres colectivos apostaron hai dous anos por unir esforzos e actividades, sumando así máis de seiscentos membros que conflúen nun colectivo bautizado como Asociacións de Bugallido, que dispón dunha ampla oferta de actividades, nas que predominan as propostas culturais, con clases de gaita, pandeireta, baile tradicional, acordeón, tambor e tamboril, pero tamén opcións coma a de adestramento funcional.
Cada venres pola tarde, e tamén os luns, este espazo cultural e veciñal énchese de vida grazas a estas actividades nas que participan familias enteiras, que comparten mestres de baile e música pero en diferentes horarios, iso si, adaptados para favorecer a conciliación, xa que mentres os adultos asisten ás clases correspondentes os seus fillos están na ludoteca.
Martín Ramos Ínsua, secretario da asociación cultural Mahía e da veciñal de San Pedro, veciño de Ortoño cos seus fillos escolarizados no Agro do Muíño, confirma que o xermolo deste rexurdimento asociativo estivo na comunidade que agromou co colexio, inaugurado no 2007, pero tamén tivo moito que ver a sensibilidade das familias pola cultura propia e a morea de profesionais do sector que viven en Ames.
Lingüista de profesión, recoñece o peso do galego en todo o que fan: «Buscamos un espazo onde a transmisión da lingua teña espontaneidade e normalidade. Non é algo custodiado, pero loxicamente temos moi en conta o idioma, porque o uso do galego é un obxectivo fundamental para nós. Toda a actividade cultural que facemos segue esa liña, e creo que estamos conseguindo cousas. Por exemplo, o club de lectura, que está tendo moito éxito e co que facemos encontros literarios con escritores, sempre galegos, que nos fan unha pequena visita».
Este xeito de facer as cousas, e a boa localización das sedes, a medio camiño de Bertamiráns e do Milladoiro, axuda tamén a ter membros de todo Ames, e tamén de concellos do entorno, coma Teo, Brión ou a mesma Compostela, cidade cada vez máis afeita ao bo traballo dos de Bugallido, xa que esta suma de asociacións foi do mellorciño do seu último entroido, cunha comparsa, a dos Bugallidix, que levou o espírito da aldea gala ás rúas de Santiago e conseguindo que un vídeo da Voz de Galicia chegase aos dous millóns de visitas.
Moi difícil será superar este hit coa súa programación das Letras Galegas e do San Isidro, pero os ensaios amosan que están cocendo unha boa festa. Así, co gallo do Día das Letras Galegas celebrarán a segunda edición da Carballeira das Letras. Mañá venres as 19 horas organizan un faladoiro sobre a poesía popular e as cantareiras, e para o sábado terán actos todo o día: o obradoiro «Bailando coa lingua», un concerto de pandeireteiras, xantar campestre e actuación das súas escolas.
O domingo 18 celebran a romaría de San Isidro, con misa, concerto coral, outra actuación das súas escolas, xantar campestre e unha feira de labranza e artesanía. Galegas, por suposto.