Os mellores disfraces sairán a desfilar no entroido de Santiago e a súa área

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os Xenerais da Ulla serán o gran atractivo dunha festa que tinguirá as rúas de cor e orixinalidade

28 feb 2025 . Actualizado a las 13:37 h.

Milleiros de veciños de Santiago de Compostela e a súa área metropolitana levan semanas, algúns incluso meses, preparando os disfraces cos que sairán este entroido ás rúas, que se encherán de orixinalidade, cor e música. Cada concello prepara a súa programación, na que practicamente todos contarán co seu respectivo desfile, durante os que se premiarán ás mellores creacións.

Se algo que define ao entroido na zona, son os Xenerais da Ulla, que tamén terán a súa destacada presenza. En Touro, en Fonte Díaz, estarán o día 28, ás 12 horas; mentres que o 1 de marzo acudirán a Teo, con paradas en Cacheiras e Santa María, ambas ás 19.30. A comitiva repetirá visita un día despois, aínda que pasando por Cacheiras, ás 19.30, para ir logo ata Boqueixón, onde darán os seus vivas ás 20 horas. Para o Sábado de Piñata do día 8, San Xián de Sales, en Vedra, recibirá aos xenerais. Para o 9, desfilarán ás 12 por Lestedo, en Boqueixón, mentres que os atranques serán ás 14. En Trobe, Vedra, tamén estarán ás 19. No caso de Santiago, estarán en Arís o 1 de marzo; o domingo 2, en O Eixo; e o sábado 15, en Conxo. 

Xa nunha programación máis típica por parte dos concellos, Compostela iniciará as súas propostas o sábado 1 co desfile do Meco a partir das 20 horas e posteior pregón a cargo das Xeneralas da Ulla. O domingo entre as propostas destaca o festival infantil de disfraces pola tarde. O martes será o desfile a partir das 17.30 horas.

O concello de Ames ten previsto a súa Festa de Entroido para o 1 de marzo, na praza da Maía, a partir das 17 horas. O día seguinte será cando se celebre o concurso e desfile de disfraces nas rúas de O Milladoiro. O 3 tocará o concurso infantil, tamén na praza da Maía, dende as 17 horas. Alí terán música e obradoiros de maquillaxe, mentres que unha xornada despois, en Bertamiráns haberá unha degustación de cocido.

Para os veciños de Santa Comba, o forte chegará o día 2, no recinto feiral onde, a partir das 17 horas, comezará o concurso de disfraces, que contará con música e inchables e xogos para a cativada. En Val do Dubra, o desfile de comparsas e disfraces será o día 1, dende as 17 horas, comezando no campo da feira e chegando ata o Concello. Os participantes irán acompañados pola charanga Os Celtas, mentres que o baile terá a Salomé Beiroa como mestra de cerimonias. Para o día 4, o Concello prepara o entroido infantil, no pavillón municipal, que contará con desfiles, fotomatón e inchables. Rematará coa queima do Meco, que está prevista para as 20 horas.

En A Baña, os talleres de entroido para os nenos faranse na Casa de Lectura, tanto os días 3 como 5 de marzo. O día 8, ás 16.30 horas, será o desfile, que irá polas rúas Castelao e Tedelle, e que rematará coa entrega dos premios, de un total de 900 euros. Os veciños de Negreira terán o seu pase de comparsas e carrozas o día 1, cando contarán coa música de Tíralle do Aire. No pavillón do Coto, o Grupo Atenas e un pinchadiscos acompañarán a festa. Para os cativos, a festa será o día 3, tamén no mesmo espazo. En Brión, os adultos poderán compatibilizar a vida laboral e familiar grazas ao programa Concilia Entroido, que se celebrará, de 8 a 15 horas, os días 3, 4 e 5.

En Padrón, a actividade estrela será o Sábado de Piñata, no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios durante o concurso de disfraces, carrozas e comparsas. A comitiva sairá ás 15.30 horas dende a avenida de Compostela, finalizando o percorrido no campo do Souto. En Rois, o concurso de entroido será o 1 de marzo. Haberá ata seis categorías diferentes, arrancando o desfile ás 16 horas diante do Concello, e chegando ata o polideportivo municipal. Alí será a entrega de premios, a merenda e a degustación de larpeiradas. Amenizará todo o Dúo Reflejos. En Dodro, a cita máis importante chegará co concurso do 4 de marzo, que arrancará ás 17 horas no pavillón de Deportes. Haberá animación musical, fotomatón e degustación de orellas. Entre todas as categorías repartiranse 600 euros.

O Concello de Touro organizará o seu Entroido Lúdico, que será o 3, 4 e 5 de marzo, de 8 a 15 horas, celebrándose tódolos días na Casa da Cultura. En O Pino, os veciños están chamados a acudir o 2 de marzo á praza do Concello, onde se vivirá o concurso de entroido dende as 16.30 horas. Os participantes poderán concursar en sete categorías, que van dende infantil, pasando por carrozas e rematando nos grupos.

En Oroso, a proposta será intensa e variada. Arrancará o 1 de marzo co concurso de disfraces e máscaras; e o día 2 chegará o baile de carnaval de maiores, que será de 18 a 21 horas no centro cultural. O Dúo Charada encargarase de poñer a música. Unha xornada despois celébrase a Festa de Disfraces, dende as 18 horas, con disco móbil, talleres de maquillaxe e fotomatón. Rematará o 4 de marzo cun obradoiro de repostería.

En Trazo, o deporte tamén entra na programación festiva, xa que o día 1 celebrase a Carreira do Entroido, que partirá ás 11.15 horas. A festa completarase os días 3 e 5 de marzo, de 9 a 14 horas, cos talleres de elaboración de disfraces. En Tordoia, a Festa do Entroido vivirase no pavillón municipal, o día 4 dende as 17,30, con chocolatada e galardóns. O polideportivo de Campomaior de Ordes contará o día 3 con inchables, obradoiros e xogos. Farao a partir das 16.30 horas, mesma hora na que comezarán as actividades do Sábado de Piñata, que contará cun desfile e concurso de disfraces no campo da Feira. A actuación da Charanga Mekánika será a que faga que os veciños poidan bailar ataviados das súas mellores creacións.

En Ponte Carreira, Frades, celebrase o concurso o 2 de marzo. Comezará ás 17 horas, con máis de 1.200 euros en premios. Xogos, inchables, mascotas, música, talleres e fotomatón serán parte dos festexos, nos que tamén haberá un oco para degustar a típica rosca coa súa ración de chocolate fundido. Algo semellante se prepara en Boimorto para o 1 de marzo, con festa e concurso de disfraces. Será no polideportivo municipal, onde haberá música, unha mesa americana, bailes e talleres. Tamén se repartirán varios premios, xa que haberá máis de 600 euros para os participantes.

En Arzúa, o baile chegará o 4 de marzo, coa actuación no campo da feira do grupo JB Son. En caso de mal tempo, as actividades, que inclúen a actuación do humorista Xan Veiga, irán ao polideportivo Terra do Queixo. Suso Boente abrirá os festexos en Melide, cunha actuación ás 17.30 no centro social. Será o 1 de marzo, cando tamén haberá o pasarrúas que sairá ás 19 horas da praza do Convento, onde irá á fronte o Folión Grileiro, rematando cunha foliada na praza de Coles. O concurso de disfraces será o 2, cun desfile que sairá do cantón de San Roque. A festa infantil desprazase ata o Pazo de Congreso, o 3. Para finalizar, Gaiteiros do País acompañarán o pasarrúas que o 4 pecha o programa do entroido.

Sandra Alonso

Lestedo funde entroido e gastronomía

A Festa da Filloa de Lestedo estreará o domingo 9 de marzo a súa distinción como celebración de Interés Turístico Nacional. Farao nun día grande no que as máquinas filloeiras empezarán a xirar xa dende as 8 mañá. Será a razón dunhas 2.000 unidades por hora, que se sumarán a outras preparadas tradicionalmente, polo que se espera poñer a disposición do público máis de 40.000 filloas. Así o afirmou na presentación da cita o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, nun evento no CIFP Compostela, no que calculou en 100.000 as filloas que se poden preparar ata o final dunha cita que vén de unirse á do Cocido de Lalín, prato que tamén se poderá degustar durante a celebración.

O prezo polas filloas será de cinco euros a ducia, e de tres euros por unidade no caso das recheas, coas que haberá varias opcións, como as que irán acompañadas de porco celta ou de cocido. A xornada incluirá ao mediodía o desfile de Xenerais da Ulla, co alto ás 13.45 horas. Entre medias, o pregón virá da man da xornalista Isabel Pichel, mentres que a imposición dos Mandís de honra correrá a cargo da actriz María Mera.

Pola tarde, o Campo da Feira acollerá, a partir das 18 horas, unha verbena que contará co grupo Origen e coa orquestra París de Noia, que será un dos pratos fortes e unha das poucas ocasións para ver ao conxunto na área metropolitana de Compostela. O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu o esforzo colectivo que se pon para levar a cabo esta festa, que honra a unha das maiores referencias gastronómica do entroido, e que ademais conta cun ingrediente único en Lestedo: a auga que nacen dende o Pico Sacro, como desvelou na presentación da festa Isabe Tejo, unha de las incansables filloeiras da parroquia. A festa tamén incluirá múltiples actividades previas, entre as que destaca o Filloa Folk da tarde do 8 de marzo, coa Parranda de Entroido, Luz de Ilicinio, Os Melidaos e Ailá, que serán os teloneiros da que é unha das grandes citas deste marzo cheo de festa.