Santiago homenaxea a Manuel Portas: «É dos que marca as vidas para ben»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Resaltaron o labor do exdirector do Xelmírez I durante máis de 40 anos

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Manuel Portas é dos que marca as vidas para ben». As palabras de Patricia Calviño, unha exalumna do que foi mestre do IES Xelmírez I desde 1982 e durante máis de dúas décadas o seu director ben poden resumir o sentir expresado durante a homenaxe que lle tributaron onte por máis de catro décadas de dedicación á sociedade. Non só era un agradecemento polo seu labor no eido educativo despois de xubilarse en xuño pasado, senón tamén pola súa contribución á normalización lingüística e o seu traballo no eido político cando foi concelleiro.

A súa pegada quedou patente en todos os ámbitos laborais, pero tamén no ámbito persoal. «Destaca o seu compromiso e entusiasmo», afirmou a alcaldesa compostelán, Goretti Sanmartín, incidindo no carácter pioneiro do seu traballo de sociolingüística do galego. «O conxunto da sociedade compostelá está agradecida», sentenciou. O actual director do IES Xelmírez I, Roberto Rodríguez Carballal, lembrou «o sorriso co que sempre nos recibía e que facía que traballaramos pola causa educativa». Tanto Patricia Calviño como Xavier Freire, ex alumnos, deixaron claro que nunca o esquecerán como mestre contando algunhas lembranzas do seu paso polas aulas.

Tamén foi referente para o resto de directores de institutos da cidade, como deixou claro Javier Dapena, do IES Pontepedriña: «É un grande como intelectual, como político, como escritor, pero sobre todo grande como docente e director». O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, enxalzou a súa «humanidade impresionante» e agradeceu o seu traballo en prol da lingua. Tamén palabras de gratitude tivo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez: «Manolo é unha institución polo que ten sido e ten feito». Ademais, desvelou que lle pediu a súa opinión ante decisións importantes. A mestra e xefa de departamento Carme Moure cualificou a Portas de «referente, por reivindicativo e resilente».

Unhas verbas que Manuel Portas agradeceu a todos incidindo en que se trata «dun traballo colectivo» e resaltando a importancia de xerar un ambiente cómodo. O sorriso, ese que tantas veces se destacou durante as dúas horas de homenaxe, tornou en emoción na súa faciana cando lembrou á súa familia, que o arroupou no salón de actos do IES Xelmírez I. Tamén se deron cita membros da comunidade educativa actual ou do pasado do instituto, representantes doutros centros, de entidades coas que colaborou, políticos e amizades. Xoán Curiel e Xiao Berlai encargáronse da música.