O proxecto Satélite Salitre preséntase esta noite en Santiago despois de máis de oito anos da súa xénese
17 ago 2022 . Actualizado a las 04:55 h.22.00 horas • Praza de Feixóo • «Camiño cara ao sol, sigo o aroma do sal, ao oeste de min, oeste do último lugar [...] Meu camiño, amor, é te amar, meu camiño amor, até o mar». Esta é parte da letra e do retrouso de «O fin da terra», a canción que abrirá hoxe no festival Feito a Man o concerto de presentación de Satélite Salitre. Unha composición que tamén protagoniza a súa xénese alá polo 2013 xa que foron os versos que o músico e compositor Pilo Sierra lle amosou a Fran Pérez, Narf, o artista cuio legado latexa neste novo proxecto musical compostelán. «Intentamos recoller o ronsel de enerxía que Narf deixou, a súa pegada persoal, pero sobre todo a musical xa que abriu moitos camiños para a música en galego, de conexión con outras culturas», destaca Pilo Sierra, autor das letras e música das composicións que hoxe presentará Satélite Salitre.
Este proxecto nace da colaboración do cantautor compostelán Pilo Sierra, o cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet —María José Pámpano, Elena Vázquez, Macarena Montesinos e Saúl Puga—, o baterista Lar Legido e o compositor Pablo Sanmamede, autor dos arranxos musicais. En todos eles latexa a admiración e a gratitude a Narf, chegando a compartir escenario con el antes do seu falecemento no 2016. «No 2013-2014 empecei a escribir algunhas cancións que ecoaban o que Narf facía, pero a conexión real con el foi agora na distancia para agradecer todo ese camiño que el nos ensinou», detalla Pilo Sierra.
Hoxe presentarán a ducia de temas orixinais en galego, todos eles con letra e música de Pilo Sierra, agás uns versos da poeta portuguesa María Rei Santos, aos que o compositor compostelán lle puxo música. Trátase dunha proposta ecléctica na que se percibe a música de autor ligada ao neofolk, con aromas da tradición, da música contemporánea, con texturas africanas... Uns temas onde hai moita evocación tamén de elementos da natureza e do universo, afirma Sierra.
Aínda que no 2019 presentaran tamén no festival Feito a Man un avance dun par de cancións de Satélite Salitre, será hoxe a posta da largo. «Estabamos desexando ter un porto onde facer pé. A sensación é de alivio, como un mariño que empeza a ver terra. Ademais o lugar onde se xestou este proxecto e onde se vai presentar é case o mesmo. Foi nestas rúas onde lle falei a Narf desa canción que escribira baixo a súa influencia. [...] Queremos facer unha homenaxe ao legado de Narf, por iso era importante facelo no Feito a Man», destaca Pilo Sierra, apuntando que o desexo é que Satélite Salitre sexa un proxecto que vai medrando e incluso gravar un disco. «Para min é como un porto no que abeirar despois dunha singradura bastante longa pola música, pola lingua, pola busca da miña propia voz como persoa e como músico», afirma o compostelán, apuntando que quere ir cara unha música moi sensorial, «que faga viaxar coa textura das cancións».
Pero antes da estrea de Satélite Salitre, o festival Feito a Man programa a actuación de Bia Ferreira, que chega desde Brasil. Será a partir das 20.15 horas na Vía Sacra.