-Ese tránsito veciñal pode chocar cos viaxeiros?
-En principio non creo que haxa problemas de convivencia porque os tempos de uso son completamente distintos.
-Queda pendente a licitación e posta en marcha da cafetaría.
-A idea é sacar a licitación nas próximas semanas, que é o tempo que barallamos. Esa cafetería ten que ser un espazo de referencia para o barrio; estamos nunha zona privilexiada da cidade e ese anaco de terraza que vai ter invita a que non sexa o típico autoservizo dunha estación.
-Tussa tamén xestiona a ORA e os aparcadoiros municipais. Como foi a súa actividade durante estes meses?
-Na ORA estamos con números de utilización elevados, pero hai un cambio de tendencia. Antes a xente botaba máis tempo aparcada, pero agora xa non pasa iso. A zona de longa duración caeu en picado; penso por exemplo nos campus, en Pastor Horta ou na Avenida de Ferrol.
-Cousa da pandemia?
-O que observamos é que a xente chega, fai o que ten que facer e marcha, cando antes aparcaba e alongaba o tempo moito máis. Pasa o mesmo no aparcadoiro de Belvís, cando antes a xente aproveitaba para tomar o café, facer compras e estar máis tempo.
-E nos buses houbo un cambio de comportamento?
-Antes subías a un bus e había balbordo, pero agora a xente vai calada. É curioso porque tamén detectamos que os pasaxeiros se colocan por grupos. A xente nova ponse xunta e a xente maior escapa da nova por toda esa idea que hai de que saen máis e o risco de contaxio é maior.
-Pero no bus ninguén quita a máscara, non?
-Non, pero hai unha sensación antisocial cada vez maior que me preocupa. Lembro cando subías e falabas coa xente, pero non sei se vamos recuperar iso algún día.