A Compostela intemperiada

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Malia ser escasa, a relación de Xela Arias con Santiago deixou pegada

17 may 2021 . Actualizado a las 22:10 h.

Hai instantes fugaces que despois se transforman en eternos. Como Xela Arias nos chanzos da Quintana berrando que Nunca Máis. Que xa abonda. Aquela imaxe trivial, pequena, quedou impresa para sempre na retina de Ana Iglesias porque ese instante, aquel berro colectivo de dignidade, converteuse nunha das derradeiras lembranzas da súa compañeira de carreira e amiga.

Hai poucos cabos dos que tirar para ganduxar unha Compostela intemperiada. Pero Xela Arias vén demostrar que non é necesario ter moita relación cunha persoa, ou cunha cidade, para deixar unha fonda pegada. Da renovadora da poesía galega que presumía de ser rebotada hai dous anos de carreira (pero ningún de vida de estudante), un curso de aptitude pedagóxica intensivo, uns meses de profesora substituta no IES Xelmírez II e unha presada de actos culturais que onte, por fin, se converteron en paseo guiado, no derradeiro día das festas de Ascensión e un dos poucos nos que a chuvia deu descanso.

«A ela dábaselle ben a literatura e a min a lingüística», que era a que lle xeraba máis dúbidas á escritora, que durante os derradeiros anos da carreira só se presentaba aos exames, xa que estaba traballando en Xerais e xa tiña a seu fillo Darío.

Xela, Ana, Clara e Mónica estudaban xuntas, primeiro en Vigo, e o dous últimos anos -daquela a carreira había que rematala na USC- en Santiago. Xela Arias gozou especialmente da materia de literatura hispanoamericana do profesor Martul e da de crítica literaria, que non chegou a cursar en Vigo, e que estudou con Darío Villanueva.

Así que Xela Arias estará para sempre pendurada dos muros da Facultade Filoloxía na orla da promoción que rematou no curso 1995-1996, e dela quedarán sempre pequenas lembranzas das súas compañeiras, como as veladas de interminables conversas dos venres nos que facía noite nun piso da zona vella para cursar o curso de aptitude pedagóxica intensivo que tempo despois a levaría durante uns meses a ser profesora no IES Xelmírez II.

Iso, e un rastro de faragullas por diversas localizacións que onte comezaron a seguir os participantes do paseo guiado sobre Xela Arias que conduciron Óscar Senra e Zaira Caamaño. Sete paradas, sete intres da súa vida con relación con Compostela, como a súa participación no recital sobre Álvaro Cunqueiro no Paraninfo da USC ou as palabras no aire que, na antiga sede da Galería Noroeste da Rúa Xerusalén suspendidas no abano creado polo artista José Guillermo.

Durante este paseo literario, que se repetirá en vindeiras xornadas, tamén queda claro que Xela Arias era, sobre todo, muller e galega. O seu compromiso coa lingua levouna, por exemplo, a participar no Hostal dos Reis Católicos na presentación da campaña Non desherdes a túa lingua, é parte do teu patrimonio.

 Ese compromiso coa lingua volverá hoxe á praza do Obradoiro. A plataforma Queremos Galego convocou un acto reivindicativo polo dereito a vivir en lingua galega que, por mor da pandemia, este ano require de inscrición previa, xa que o aforo é limitado para manter as medidas de prevención sanitaria.

Bruará a lingua de Galicia, a lingua de Xela, na mesma xornada na que se deita no Preguntoiro unha nova faragulla na Compostela Intemperiada pola que camiñou (e protestou, nas manifestacións tras o naufraxio do Prestige) Xela Arias. Xosé Enrique Acuña é o comisario da exposición Xela Arias. A poesía do retrato, que se inaugura ás 18 horas de hoxe na Zona C coa presenza da familia da escritora.

La Voz ofrece este luns o libro «Xela Arias. Para ser de todo»

A antoloxía e biografía pode adquirirse co xornal por 1,95 euros

La Voz

Como é tradicional, La Voz de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dun libro arredor da figura homenaxeada o 17 de maio. Deste xeito, o xornal ofrecerá este luns aos seus lectores o volume Xela Arias. Para ser de todo, que combina a achega biográfica cunha antoloxía da súa obra. Poderá adquirirse co diario ao prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura no lombo.

A autora é Alba Cid, premio nacional de poesía joven Miguel Hernández o ano pasado, quen asina unha perspectiva biográfica moi persoal, case coma un diálogo con Xela Arias: de feito, trátaa de ti na introdución do texto. A escolma escolle algúns dos poemas máis significativos dos seus libros, que a propia Cid describe así: Tigres coma cabalos está imantado polas relacións, polas dependencias, polos corpos. Darío a diario é a experiencia moi particular sobre a maternidade, e Intempériome, a cristalización da Xela máis contida». 

Dúas entrevistas

O libro complétase tamén con dous textos a xeito de entrevista, asinados respectivamente por Manuel Rivas e María Xosé Porteiro, que permiten achegarse ao pensamento de Xela Arias dende a súa propia reflexión e as súas concepcións sobre o que escribía e o panorama literario. E, sendo a autora esencialmente poeta, non deixa de estar representada no libro a súa faceta como narradora, xa que se reproduce o conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia, co que Arias, sendo aínda unha nena de 11 anos, acadou o primeiro premio nun certame convocado por O Facho. O texto publicouse naquela altura en La Voz, en febreiro de 1974.

Xela Arias. Para ser de todo presenta así un retrato da escritora a través da súa propia obra e da mirada de Alba Cid. «Para min, o máis interesante foi a súa independencia como creadora, o libre que foi», describe. «Iso conecta co título, conforme ía descubrindo capas da súa biografía reafirmábame en que estamos ante unha persoa que quixo marcar os seus propios tempos coas súas regras, lembrando que a única tarefa da vida é chegar a ser unha mesma», engade a autora do libro.

Esa idea, de liberdade e de creación, ficará na memoria de quen se achegue á obra, que terá clara a noción de que para Xela Arias era importante a ambición literaria.