En 1983, o grupo teatral Artello, que fundaran en 1978 Ernesto Chao e Antonio Durán, Morris, estrea en Vigo Celtas sen filtro, sobre un libreto de Méndez Ferrín. Dende un par de anos antes, o colectivo Atlántica viña promovendo unha renovación da plástica galega, con exposicións itinerantes que anunciaban un novo tempo, aberto a toda clase de influencias. Os Rompente (Manuel María Romón, Alberto Avendaño e Antón Reixa) xa estaban a editar os seus libros, moitos deles deseñados coa colaboración de Antón Patiño (Atlántica) e acompañados da música de Henrique Macías, que xa non está entre nós. Tampouco está entre nós Bibiano, que nesa época empezaba a alternar a súa condición de rockeiro coa de empresario, organizando festivais nos Salesianos e na sala Kremlin de Coruxo. Alí estaban tamén Os Resentidos, Siniestro Total e Golpes Bajos, xunto cos primeiros promotores ambiciosos do cinema galego, que en 1989 estrean as tres primeiras longametraxes en 35 milímetros: Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; Continental, de Xavier Villaverde; e Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal. 

Son algúns datos. Acababamos de botar a andar os Premios da Crítica Galicia (1978), que seguen activos. En 1983 apróbase por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, en 1984 créase a Compañía de Radio Televisión de Galicia, polas mesmas datas constitúese a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1981), a Asociación Galega de Editores e, un pouco despois, a Asociación de Tradutores Galegos (1985).

En 1979 nace Edicións Xerais de Galicia, da man de Xulián Maure e Germán Sánchez Ruipérez, o que supón un pulo extraordinario para o mundo editorial en lingua galega. A explosión do libro galego, apoiado na presenza do idioma no sistema educativo non universitario, é un dos fenómenos máis característicos desta etapa, con aparición de novas empresas e un estímulo importante para a creación (autores, ilustradores, fotógrafos, deseñadores, etcétera). En 1983 publícase o primeiro número da Festa da palabra silenciada, revista de carácter feminista que dirixe María Xosé Queizán. Luis Mariño, daquela director de Xerais, lanza os primeiros títulos da colección Xabarín.

Neste ambiente debemos situar a figura de Xela Arias, a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas. A nena de Sarria, filla de Amparo e Valentín, que chega a Vigo con nove anos, incorpórase xa de adolescente á vertixe creativa dunha cidade que dende décadas antes viña acollendo unha parte moi importante do universo rural, universo que se transforma e enriquece nos barrios, nas periferias, sempre a cabalo da memoria da aldea (os avós) e as novas esixencias da contemporaneidade. Nese mundo, repito, xorde a figura de Xela, representativa da capacidade de entusiasmo, afouteza, creación e lealdade dunha xeración que apostaba por chantar alicerces novos cara ao futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Aqueles días de Xela Arias