O outro roubo do século na Catedral

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Á dereita, a imaxe orixinal de 1867 tomada por Thurston Thompson . Á esquerda tras ser tratada co programa de recuperación da cor orixinal
Á dereita, a imaxe orixinal de 1867 tomada por Thurston Thompson . Á esquerda tras ser tratada co programa de recuperación da cor orixinal Thurston Thompson

No ano 1906 desapareceu a cruz de Alfonso III, unha das reliquias máis importantes da Idade Media que se utilizou na consagración da basílica. Francisco Prado-Vilar vén de rescatar a foto máis antiga que se coñece da peza, que nunca se recuperou

22 abr 2020 . Actualizado a las 22:26 h.

En certo modo, a crónica xa estaba escrita, impresa e esquecida antes de que se erguese o sol aquel 4 de xullo do 2011, cando da Catedral roubaron o Códice Calixtino. Nas hemerotecas, ese arquivo infinito que se empeña en demostrar que abofé, a historia é cíclica, o outro roubo do século na basílica de Compostela. 

A madrugada do 7 de maio de 1906 desaparecía do tesouro da catedral un dos símbolos da historia de Compostela. A cruz de Alfonso III era unha das reliquias máis importantes da Idade Media, a peza utilizada nas consagracións da primitiva catedral no ano 899 e naquela fastosa cerimonia que o 21 de abril de 1211 amosaba un Santiago que medraba como a Xerusalén de Occidente. Unha cruz que no século XIX sacábase en Venres Santo e que se lle daba a bicar aos fegreses. A reliquia fundamental. Un roubo equivalente a que lle quitaran ao Pórtico da Gloria unha figura.

Velaquí un recuncho no camiño paralelo destas dúas historias de roubos patrimoniais escandalosos. O Códice reapareceu logo dun ano de pesquisas. Da cruz de Alfonso III só quedaron as lembranzas, as reconstrucións e as fotografías. A este rosario de memoria xunta agora Francisco Prado-Vilar unha nova doa: a fotografía máis antiga que existe da cruz desaparecida, que presenta nun artigo publicado polo Consello da Cultura Galega. 

Ía o investigador á procura da cabeza orixinal do Salomón do Obradoiro e atopouse cunha imaxe inédita da cruz roubada:a que tomou Thurston Thompson no ano 1867: a da cruz cos engadidos dos que fala López Ferreiro na súa Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela.

«Atopei a de Salomón e non o podía crer cando vin a da cruz. Dixen, como é posible que esta fotografía non a coñeza ninguén?». A imaxe de por si é extraordinaria. «Dinme de conta de que tiña algo do que eu non oíra falar, ese crucifixo do século XVII pegada na cruz». Prado-Vilar púxose en contacto con Ana Varela, autora dunha tese sobre o prateiro que fixo a arca neorrománica das reliquias que hoxe se venera en Compostela. 

E si. Era o crucifixo ao que se referían López Ferreiro e Villa-Amil. «Ninguén entendía a que se refería López Ferreiro con que hai unha chapa de prata dourada tapando o crucifixo de Ordoño II e que enriba había outro crucifixo». Enténdese agora. «Pensei se o engadido podía ser do século XIX». Ana Varela coincide. Non hai ningún contrato de Losada que se refira a esa cobertura.

A recuperación da cor

Hai un impulso sinestésico na imaxe que amosa Francisco Prado-Vilar no seu artigo. Unha estraña sensación de case poder acariñar as filigranas, de notar o paso dos séculos apalpando o metal dourado e as pedras preciosas dunha imaxe inédita dunha reliquia única. O investigador pasou a imaxe de Thurston Thompson por un programa de reconstrucción da cor. «O crucifixo parecíame de prata e aí reproduciuno en ouro. O que pense foi que unificara a superficie de metal». Pero non, o algoritmo non se trabucara. Porque era un crucifixo de prata dourada .«Coincide exactamente coa descrición de López Ferreiro, que falaba dunha chapa de prata dourada». 

É un dobre descubrimento: atopar na dixitalización que fixo o Victoria and Albert Museum das fotos inéditas de Thurston Thompson a imaxe máis antiga da reliquia desaparecida, senón que tamén se puido reconstruír a cor aproximando o máis posible a imaxe á cruz orixinal. «A reprodución que se fixo no 2004 foi boísima, pero comparada cunha foto da imaxe orixinal coa cor reconstruída e hai outra aura«.