Os profetas do pórtico, desclasificados

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A escultura de Enoc no claustro do Colexio de San Clemente durante a Exposición Regional Gallega de 1909
A escultura de Enoc no claustro do Colexio de San Clemente durante a Exposición Regional Gallega de 1909 Joaquín Morelló i Nart. Centre Excursionista de Catalunya

Francisco Prado-Vilar publica na web do Consello da Cultura un mapa documental inédito da complicada viaxe das esculturas mateanas ao longo do século XX

20 mar 2020 . Actualizado a las 14:41 h.

A Historia, así, con maiúscula, está escrita con papel timbrado e letra mecanografada. Técese nos papeis oficiais, na documentación administrativa. E porén, a Historia, así, con maiúscula, en realidade está contada no día a día. Vai cosida a anacos de papel e a epístolas. Que na letra manuscrita está a historia, a de verdade, na que non importan maiúsculas nin minúsculas, descubriuno o investigador Francisco Prado-Vilar trazando a xigantesca cartografía que dende este xoves se pode consultar na web do Consello da Cultura. Un enorme mapa virtual que vai ganduxando a viaxe que iniciaron no mandato de Alonso III de Fonseca tres pares de esculturas mateanas. A historia, a de verdade, dun patrimonio que aínda hoxe está en disputa. Porque ademais de Enoc e Elías, que hoxe están no Museo de Pontevedra, nesta travesía tamén están Ezequiel (ou Isaac) e Xeremías (ou Abraham), en mans dos herdeiros do ditador Franco e cuxo futuro está en mans da Xustiza.

O especial do Consello da Cultura comeza na Exposición Rexional de 1909, cando se produce o primeiro inventario monumental de Galicia, e remata co incendio a finais dos 70 do Pazo de Meirás. Polo medio, un mapa composto de once capítulos, con documentación inédita, que semella unha novela ou un thriller de Netflix. E que é, sobre todo, un espello da evolución do galeguismo, un compendio das voces que daquela batallaban polo patrimonio cultural, de como un galeguismo fortalecido tivo que aprender a navegar polo franquismo.

De esquerda a dereita, informe policial sobre as pezas, escultura de Elías e expediente de adquisición por parte do Estado das esculturas de Enoc e Elías para o Museo de Pontevedra
De esquerda a dereita, informe policial sobre as pezas, escultura de Elías e expediente de adquisición por parte do Estado das esculturas de Enoc e Elías para o Museo de Pontevedra arquivo de galicia, Archivo de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Archivo General de la Administración

Falta de evidencia

«Unha das cousas que me impulsou a investigar máis sobre a odisea das esculturas no século XX foi cando vin a resolución xudicial falábase de falta de evidencia». A evidencia estar, estaba. Estaba na historia manuscrita. Sabía que as esculturas do conde de Ximonde tíñanse adquirido para o Museo de Pontevedra por parte do Estado. E iso xera un expediente. Pero alí había algo máis valioso, que era a correspondencia.

«No Museo de Pontevedra está a correspondencia de Filgueira Valverde pero tamén de Sánchez Cantón, que foi o director do Museo do Prado e era de Pontevedra» e carteábase cos seus colegas galegos. Aí atopou dúas cartas: a de Filgueira Valverde que demostra que en 1955 o Concello de Santiago aínda era dono das esculturas. E a de Chamoso Lamas de 1954 onde lle conta a historia das esculturas, entre elas un capítulo ata o daquela descoñecido: como o conde de Ximonde mandou retirar as esculturas en depósito no Museo da Catedral e como Chamoso Lamas pregúntalle ao alcalde onde están e acaba denunciando a Madrid. Grazas ao labor de investigación de Prado-Vilar, pódese ler o informe policial da localización das esculturas, no predio Baliño, propiedade do sogro do alcalde, o médico Héctor Sieiro de la Riva.

As cartas, como a correspondencia de Fermín Bouza Brey intentando que o Museo Arqueológico Nacional as esculturas ao conde de Ximonde no 1946, foron levando a Prado-Vilar de arquivo en arquivo, tirando dos fíos, atopando novos novelos. Como o do Arquivo da Primeira Zona de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional (da que era comisario Chamoso), documentación aínda case que por explorar, ou o Arquivo de Alcalá de Henares, o Arquivo da Universidade de Harvard, o de Galicia... Ata trazar un mapa tecendo un documentos con outro. Enchendo ocos. Agora pódense ver fotos das esculturas no predio O Baliño, porque cando a condesa de Ximonde as ofreceu ao Estado, enviou instantáneas das esculturas no predio. E esas fotografías pasaron ao expediente administrativo. As imaxes teñen, de feito, unha importancia especial nesta cartografía, porque o NO-DO demostra como as esculturas estaban no Pazo de Meirás incluso no incendio de 1978, aínda que ningunha crónica da época que se fixera eco do importante patrimonio en perigo polas lapas.

Nesta historia de idas e voltas, de vieiros sen saída e de novos camiños abertos a través dos arquivos, tamén se entretecen as cartas de Bouza Brey a Blas Taracena para intentar que as cinco esculturas fosen adquiridas polo Museo Arqueolóxico Nacional. A venta, frustrada, deixa un expediente que morre exactamente no mesmo momento no que comezan as reunións do pleno de Santiago para a adquisición das esculturas por parte do Concello e nas que se inicia unha historia que aínda continúa co recurso de casación perante o Supremo.