Búscanse doantes de lingua

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O ILG procura co micromecenado o financiamento para crear unha plataforma de datos lingüísticos

07 ene 2020 . Actualizado a las 22:11 h.

A lingua ten valor. Cada termo, cada parola, cada mensaxe de WhatsApp e cada chío en Twitter. Esa palabra que só se escoita na casa ou que é patrimonio da vila. O seseo, a gheada. Unha nota. Ese nome de paxaro e a entoación concreta da fala. Unha conversa calquera, espontánea. Un significado que non aparece nos dicionarios. Cada anaco de galego, por pequeno que sexa, é valioso. Un tesouro que hai que coñecer, preservar e investigar. Así que o Instituto da Lingua Galega busca doadores de alfaias. Busca doantes de lingua.

A idea é que a través dunha plataforma web se poidan facer doazóns lingüísticas, pero tamén desenvolver ferramentas de visualización para que se poida ver como contribúe esa doazón ao infinito mapa da lingua galega. «Que a xente non só doe a lingua, senón que a vexa», resume Elisa Fernández Rei, responsable deste proxecto que busca financiamento a través da plataforma de micromecenado que vén de poñer en marcha a Universidade de Santiago.

É un xeito de abrir a investigación en lingua galega máis alá do ámbito académico, «porque podemos caer no risco de acabar describindo a nosa propia lingua, a que usamos os académicos», explica Elisa Fernández. «Hai unha parte deste proxecto que está pensada cunha dimensión investigadora, pero hai outra que é de poñer en valor a lingua viva, a que usamos todos os días, que é tan valiosa coma calquera outra». E así descubrir que esa palabra que se escoita na televisión que parece que inventaron uns académicos nun gabinete en realidade é un termo utilizado de xeito cotián nunha zona de Ourense, ou de Vigo, ou de Pontevedra. E así desbotar prexuízos lingüísticos que aínda existen. «É algo que busca que a xente estea en contacto coa lingua viva».