Distintos xeitos de interpretar as mesmas enquisas sobre a lingua
Valentín García sostén que o galego a lingua cooficial «con máis falantes do Estado español e, se me apuras, de Europa». «Non é un idioma minoritario, senón maioritario». O secretario xeral de Política Lingüística amosouse moi crítico co informe do Consello, máis alá das discrepancias dos modelos educativos de inmersión. «Xa non é que non tivese en conta os datos do Instituto Galego de Estatística, que son os máis fiables, senón que descoñecen a realidade galega», afirma, e pon como exemplo que as entrevistas sobre a situación do galego se celebraron en Oviedo. «Tampouco contempla cuestións vitais como a lusofonía para o galego, que estamos a desenvolver coa Lei Paz-Andrade», incide. Para García, cómpre poñer o foco en eidos como a transmisión da lingua nas familias e crear espazos para que a mocidade poida expresarse con normalidade en galego. Ademais, é moi crítico con aspectos do ditame como a modificación dunha lei como a do Poder Xudicial: «Hai que ver como van facer isto».
Botando man das enquisas do IGE, o secretario xeral afirma que por vez primeira medrou o número de galegofalantes e que o galego é a lingua cooficial con máis nivel de competencia e tamén con máis uso. Pola súa banda, na Mesa pola Normalización Lingüística fan unha lectura moi diferente a partir dos mesmos datos. O seu presidente, Marcos Maceiras, sinala ese 24 % de mozos entre 5 e 15 anos que admite ser incapaz de expresarse en galego, unha porcentaxe que considera alarmante, sobre todo porque «non para de medrar nos últimos anos». Tamén Xosé Luís Regueira dubida de que os niveis de competencia sexan os idóneos. Co galego acontece igual que calquera outro idioma: cómpre practicalo para ter fluidez e mesmo non esquecelo. Como explicaba acotío o mestre e escritor Agustín Fernández Paz: «Eu sempre lle digo aos meus alumnos que de nada vale que lles poña un 10 na aula se logo no patio non falan ou mocean en galego». O presidente da Academia, Freixanes, tamén fai fincapé nesta circunstancia: «Cando falamos con mozos explican as súas dificultades como neofalantes, xa que non hai un sitio onde ver unha película en galego ou subtítulada, e a lingua tamén está ausente de espazos de socialización como as discotecas ou os grandes almacéns».