Novo toque de atención do Consello de Europa ante o «insuficiente» peso do galego no sistema educativo

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

ROI FERNANDEZ

O organismo urxe a eliminar as «limitacións» para impartir docencia na lingua galega nun documento que provoca distintas reaccións. A RAG reclama un novo modelo educativo

17 dic 2019 . Actualizado a las 12:33 h.

O Consello de Europa advertiuno: caen os falantes, fallan as medidas para facilitar a atención dende a administración e a presencia do galego no sistema educativo é «insuficiente». Así despréndese da análise realizada por un comité de expertos deste organismo sobre o cumprimento dos compromisos do Goberno respecto á Carta Europea de Lenguas Rexionais e Minorizadas, no que se recomenda eliminar de inmediato as «limitacións» existentes para impartir docencia neste idioma, refiríndose especificamente ao chamado «decreto do plurilingüismo» na ensinanza

Segundo o documento, o nivel de cumprimento da carta «non mellorou significativamente» desde o último informe, posto que as análises sociolingüísticas e os datos estatísticos advirten tanto da caída de falantes en lingua galega como de que a transmisión xeracional «xa non está garantida», do mesmo modo que cae «significativamente» a proporción de mozos que usan o idioma na súa vida diaria.

O documento indica, especificamente, que a presencia da lingua de Rosalía no sistema educativo é «insuficiente» e, «particularmente no nivel de preescolar», do mesmo modo que as principais materias científicas «non se imparten» neste idioma en secundaria

Ante esta situación, o informe realiza diversas recomendacións de «acción inmediata» ao Goberno, entre elas a «eliminación das limitacións» para ensinar en lingua galega no sistema educativo, reformar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir a posibilidade de contar con este idioma nos procesos xudiciais a petición das partes; e mellorar o seu uso na administración pública.

Feijoo defende o decreto e sorpréndese de que o Consello de Europa «critique o plurilingüismo»

A nova chamada de atención do organismo europeo está suscitando múltiples reaccións en distintos ámbitos. Unha das primeiras foi a do presidente da Xunta. «A Secretaría Xeral de Política Lingüística é a que ten que contestar a eses asuntos. Pero me sorprende que se critique o plurilingüismo», respostou Feijoo ao informe antes de reivindicar que os galegos, ao igual que o resto de europeos, teñen que coñecer «dous ou tres idiomas».

«E se hai un informe en contra de que os galegos poidamos estudar, coñecer e conversar en inglés, alá os autores dese informe», advertiu, non sen defender que «nunca houbo tantos galegos que souberan falar e escribir en galego». Admitiu, sen embargo, un problema «de vontade» por parte dos mozos en relación a usar o idioma.

RAG pide un novo modelo educativo

O novo toque de atención do Consello de Europa ao Goberno central é á Xunta tamén provocou un pronunciamento de A Real Academia Galega. O organismo pronunciouse nas últimas horas, como recolle Europa Press, a través dunha declaración na que insta ao Executivo de Alberto Núñez Feijoo a buscar un novo modelo educativo que asegure a vitalidade da lingua galega e respecte os dereitos dos seus falantes.

Tamén lembra que a propia Academia pediulle ao CE que aprobase unha recomendación específica para que a Xunta «remova os obstáculos» á oferta formativa na lingua propia.

Na declaración, recollida por Europa Press, a RAG lembra que o Estado español está adherido a este tratado para protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas e cumplila «nos seus termos máis amplos». O texto, no seu artigo 8, compromete ás autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensinanza primaria, secundaria, técnica e universitaria en lingua galega.

«Este compromiso non solo foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego na ensinanza vixente no noso país dende o 2010 se atopa en fragrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50 % do currículo, excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física ou a química», advirte a institución presidida por Víctor Freixanes. A RAG engade que tanto os datos sociolingüísticos dos últimos anos como os estudos sobre a evolución do coñecemento do galego constatan o «alarmante retroceso» na poboación e na xuventude e «pon de relieve» os «negativos efectos das limitacións de uso» no sistema educativo.

Por todo isto, a Real Academia Galega «congratúlase do acordo» do Comité de ministros do Consello de Europa e insta ás autoridades do Estado e, «especialmente, da Comunidade Autónoma» a seguir as recomendacións trasladadas no informe .