O bilingüismo colle forza en Galicia

A enquisa a fogares do IGE constata como descende a porcentaxe de persoas que fala só galego ou castelán, mentres medra a dos que se desenvolven en ambas linguas

Só o 3,95 % da poboación afirma ler máis libros en galego ca en castelán
Só o 3,95 % da poboación afirma ler máis libros en galego ca en castelán

redacción / la voz

A radiografía sobre o uso de linguas que emerxe da información da enquisa estrutural a fogares que o Instituto Galego de Estatística publicou este venres debuxa un panorama no que se consolida a porcentaxe de falantes bilingües, ao tempo que descende lixeiramente a de persoas que só se desenvolven en galego ou castelán exclusivamente. Comparados cos do 2013, os datos do 2018 constatan que un terzo (30,57 %) da poboación fala sempre en galego, un descenso lixeiro de 0,63 puntos en relación a hai un lustro. A baixada é máis acusada nos que só empregan o castelán, un 24 %, cunha redución de 1,85 puntos. En cambio, medran os bilingües: os que falan máis galego ca castelán soben 1,43 puntos, ata o 21,72 %, igual que os que empregan máis castelán ca galego, que pasan do 22,26 % ao 23, 32 %. Deste xeito, o galego é a lingua habitual e preferente de máis da metade da poboación, ao sumar unha porcentaxe do 52,29 %.

Porén, ao aplicar unha lente de aumento para examinar polo miúdo os datos da enquisa, a imaxe que devolve revela diferenzas -grandes, nalgúns casos- do uso das linguas en función de contextos sociais como o ensino ou a administración, e unha influencia da demografía. 

Idade e xeografía

Máis idade e menor poboación. Da enquisa do IGE despréndese que a saúde do galego é mellor canto maior sexa o falante e menor o tamaño do seu concello. A porcentaxe meirande dos que se expresan sempre nesta lingua sitúase entre os que superan os 65 anos (48,48 %), proporción que vai diminuíndo a medida que descende a idade, ata chegar ao 14,27 % entre os que teñen entre 5 e 14. Co castelán acontece xustamente o contrario: é maioritario entre os máis novos (44,31 % son monolingües neste idioma) e minoritario entre os de máis de 65 (13,65 %).

Outro criterio para examinar o uso do galego é en función do tamaño dos concellos: a menor poboación, máis fogares nos que se fala habitualmente só galego. Entre os de menos de 10.000 habitantes suman o 22,70 %, proporción que descende ao 5,66 % nos de máis de 50.000. No tocante ás cidades, Lugo e Santiago suman o maior número de galegofalantes (21,34 % e 20,58 %, respectivamente), seguidos a moita distancia por Ourense (10,71 %). A proporción invértese co castelán, maioritario en Ferrol (52,72 %), A Coruña (48,62 %) e Vigo (45,31 %). Se a estes monolingües se lles suman os que declaran falar máis castelán ca galego, o primeiro ten unha clara posición de dominio nestas urbes grandes.

Ensino

Bilingüismo que cambia coa idade. As persoas que se encontran cursando o ensino obrigatorio, de entre 5 e 17 anos, reciben na súa grande maioría (72,72 %) as clases igual en galego ca en castelán; esta última lingua é maioritaria para o 15,68 %, mentres que o galego o é para o 9,13 %. Por isto mesmo, para as xeracións que se escolarizaron con galego (hoxe entre os 5 e os 49 anos), o ensino é a vía preferente de aprendizaxe, aínda que a familia se mantén como a canle principal, tamén para os máis novos: o 44,34% da poboación con fillos fálalles en galego sempre, fronte ao 31,20 % que o fai en castelán. Dende o punto de vista dos pequenos, o 39 % correspóndelles en galego aos proxenitores e un 37 % faino sempre en castelán.

Esta proporcionalidade desaparece en canto se abandona o ciclo obrigatorio e se accede ao ensino superior. A partir dos 17 anos, a porcentaxe de igualdade redúcese á metade (baixa ata o 36,03 %); en cambio, as clases maioritarias en castelán ascenden ata o 41,58 %. 

Traballo e administración

Asimetrías. Unha vez instalados no eido laboral, os falantes regresan a un bilingüismo nas relacións cos compañeiros. Porén, no trato con subordinados e superiores, ademais de con clientes, suma máis o castelán. Algo semellante ocorre en función dos interlocutores. Entre amigos ten maior protagonismo o galego, pero o castelán adianta posicións nas relacións co profesorado (o 39, 40 % fálalles só en castelán) e os especialistas sanitarios (34, 07 %). Nas redes sociais, na navegación por Internet e na lectura de libros prima o castelán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

O bilingüismo colle forza en Galicia