Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Precisamos un novo marco para o galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Comité de Ministros do Consello de Europa acaba de pronunciarse sobre a situación da lingua galega consonte o espírito da Carta das Linguas Rexionais ou Minoritarias, documento que o Estado español subscribiu no 2001. A tal carta é do ano 1992. Os seus asinantes avogan pola «defensa e promoción de todas as linguas de Europa que carecen de carácter de oficialidade» ou que, aínda tendo tal carácter, estean en manifesta debilidade. Trátase dun pronunciamento de carácter internacional pensado para a protección e o estímulo dos idiomas non oficiais ou parcialmente oficiais nos Estados europeos. O Parlamento español adheriuse a esta carta subscribindo o seus obxectivos máximos. Gobernaba daquela o Partido Popular.

Non é a primeira vez que as institucións europeas se pronuncian sobre a situación da nosa lingua, conscientes da súa significación como realidade social e como patrimonio histórico, mais con preocupación, xa non tanto polo seu presente como polas súas derivas. Cada tres anos os expertos emiten un informe. Neste caso, a denuncia que subscribe o Comité de Ministros é a constatación dun feito que a Real Academia Galega ten salientado en numerosas ocasións (xunto con outras institucións especializadas como o Consello da Cultura Galega, as universidades, o Instituto da Lingua Galega etc.): perdemos falantes, a transmisión xeracional de pais a fillos enfraquece, o uso da lingua entre os máis novos é cada vez máis escaso, sobre todo nos ámbitos urbanos, e algo que está moi relacionado co anterior: a oferta de ocio e consumo, a presenza do idioma na vida cotiá, na Administración pública, na xudicatura, na propia Igrexa (ou igrexas), na publicidade, nos medios de comunicación... é moi cativa, principalmente se a comparamos coa realidade social. O galego segue a ser a lingua da maioría da nosa xente, mais os medios de comunicación, por poñer este exemplo concreto, apenas chegan a un 5 % nos seus contidos.

Os expertos europeos inciden especialmente no ensino, sementeira de futuro. O chamado decreto do plurilingüismo non só non mellorou a situación do idioma, senón que reduciu de xeito importante a súa presenza nas aulas, sobre todo nos ámbitos urbanos das primeiras idades, mesmo retirándoo como lingua vehicular en áreas tan significativas como as matemáticas, a química, a física, a tecnoloxía, etcétera. Pasaron case dez anos dende a implantación do tal decreto, e todos os estudos salientan o seu fracaso: a realidade da lingua non só non mellorou, senón que minguou. Mágoa ter que volver unha e outra vez sobre o mesmo tema. Somos moitos os que sabemos que a realidade do idioma (e os seus problemas) non se reduce aos programas escolares; mais tamén somos moitos os que pedimos un marco novo de reflexión e debate para construír un deseño estratéxico distinto. Aínda estamos a tempo.