Tomás Ageitos: «Busquei un son que representase aos instrumentos típicos de Galicia»

raquel c. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Paco Rodríguez

O técnico de son e investigador explica que o proxecto Landra de Ageitos dálle un xiro á percusión de man tradicional

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomás Ageitos comezou a gravar maquetas con quince ou dezaseis anos. «Traballei en varios estudos en Ribeira e na Coruña, estudei fóra e despois abrín o estudio A Ponte, en Roxos». Ademais, en 2014, Ageitos puxo en marcha Landra. Defíneo na súa web como «ideas atípicas para instrumentos típicos». O proxecto contou coa colaboración de José Luís Padín. «Se buscas a definición de tradición -incide- vén da man da innovación».

O ribeirense comezou investigando como amplificar coa mellor calidade posible o son dos instrumentos galegos. «Isto xurde da necesidade que atopo como técnico á hora de amplifica a gaita e outros instrumentos tradicionais». «Empezamos a pensar nun micrófono específico para a gaita en directo, para definir o seu son sen ter o ruído do resto de instrumentos do escenario».

Máis adiante, como técnico de son de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre atopou un problema similar á hora de amplificar as pandeiretas, as pandeiras e os pandeiros. Probaron moitísimos micrófonos diferentes, «trinta ou corenta que fomos alugando».Os instrumentos, nacidos para as foliadas, as ruadas ou os pallotes, eran moi difíciles de sonorizar nun directo. «Empezamos a traballar nas probas de deseño do MK, que é o micrófono para adufe e pandeireta». Ageitos é o responsable do son que arrancan Díaz e as doce adufeiras aos seus instrumentos e ás súas voces.

Non obstante o problema do son nos instrumentos de man non remataba co deseño dun micrófono específico. Pandeiros, pandeiretas e adufes constrúense tradicionalmente con pelexo de cabra. Esta pel, como a propia pel viva, reacciona ante o frío, o calor ou a humidade: «Cando viaxabamos a Noruega ou a Arxelia, por defecto ou exceso de humidade os pandeiros tensábanse moito ou quedaban como unha tela mollada que non soaba». Na propia Galicia as diferenzas de humidade nun mesmo lugar a distintas horas do día poden converter as probas de son nun pesadelo. «Ás catro da tarde, na Costa da Morte, todo soa fenomenal, e pola noite xa non ten nada que ver».

Foi entón cando Ageitos, xa en solitario, decidiu comezar a probar as solucións de peles sintéticas que existían no mercado. No Magreb ou en Brasil existen solucións sintéticas para pandeiros ou tambores. Non obstante algo non cadraba para o de Ribeira. «Empregaba os parches sintéticos nos instrumentos de aquí, soaban ben, pero a tímbrica non representaba o son galego». Inda que o instrumento orixinal en ambos continentes parta da pel da cabra, as condicións na que se constrúe non teñen nada que ver. A vida do instrumento condiciona o seu son, «e en Galicia e Arxelia a vida é moi diferente».

A axuda de Xabier Díaz e das Adufeiras de Salitre demostrouse indispensable. «A idea era buscar un son que identificara aos instrumentos típicos de Galicia, entón comecei a probar con materiais distintos. Despois de dous anos cheguei a este parche sintético. A idea agora é comercializalo a catro ou cinco artesáns e que o vendan polos festivais de música».

Ademais do traballo como técnico de son, Ageitos pasa outono e inverno traballando no seu estudo de gravación en Roxos. «Nos veráns, cando estou canso de estar encerrado, volvo aos torreiros». Antes de montalo restaurou unha casa do século XIX. «A maioría dos estudos non teñen luz natural, son bastante zulos», relata. O seu ten luz natural «e unha acústica viva». Por el pasaron non só Díaz e as Adufeiras, senón tamén Caxade, Aline Frazao ou Os Cempés. Tamén A Compañía do Ruído, grupo no que tocaba o propio Ageitos, e ao que volve este verán para tocar na Festa da Dorna. Está un pouco oxidado, confesa. «Pero poderei defender o chollo».

Música en directo. O primeiro proxecto de Ageitos foi atopar unha solución para amplificar con calidade a música tradicional galega.

Estudo de son. Ageitos leva gravando maquetas dende os quince anos. Polos seus estudos pasaron Caxade, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ou Aline Frazao.