Un Palacios de cine

Quique Alvarellos

SANTIAGO

Manuel Chicharro Bissi

O cine apareceu en Santiago no edificio modernista da Alameda

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É o perfecto contrapunto á rexia solemnidade dos carballos. Este palacete da Alameda, tan coñecido por todos, é todo un faro modernista ao pé do bosque desta cidade medieval. Traémolo ás nosas Fotohistorias porque estes días, despois de moitos meses pechado, debátese a rúa reapertura. O uso que tivo nas últimas décadas foi o de gardería pública. E algúns gustaríanos que, no futuro, puidera ser algo máis (sen ter que quitarlle a función que tiña), pois é un inmoble único, pola súa estética e pola súa historia.

A imaxe que publicamos pertence a un dos pioneiros da fotografía de Compostela, Manuel Chicharro Bissi, cuxo fondo se custodia no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. O edificio acababa de ser concluído. Estamos en 1909. A súa función é a de sede da sociedade local Recreo Artístico e Industrial , presidida por Juan Harguindey Pérez, que quixo sumarse, con este gran inmoble cuxo deseño encargan a Antonio Palacios, á celebración da Expo Rexional daquel ano. Ao

ano seguinte o empresario Isaac Fraga aluga o edificio (pois a asociación gastara demasiado nel e non tiña como mantelo) e monta aquí o primeiro cinematógrafo da cidade compostelá.

Fraga, natural do Carballiño, coñecera a nova arte do cinema en Bos Aires , e de regreso a Galicia converteríase nun poderoso empresario da sétima arte. O lembrado José Luis Cabo Villaverde, cóntao así no seu libro Cinematógrafos de Compostela (CGAI, 1992): «O contido dos programas do ‘Gran Cine Fraga instalado en el Pabellón Artístico’ variaba continuamente, disfrutando os composteláns de espectáculos diferentes case de cotío. En 1911 encontramos anuncios de películas subministradas ‘directamente por la prestigiosa parisién Pathé Frères’».

As proxeccións duraron ata 1914. Dende aquela, ata hoxe, esta é a brevísima historia dos variopintos usos deste palacio de cine:

En 1919 xa é propiedade do Concello, que o destina a Laboratorio Químico Municipal. En 1933 quixo volver o cinema ?desta volta xa sonoro? ao lugar: o empresario Manuel Ramallo (dono do Café Español) solicita unha reforma para facer unha sala de 236 asentos, as obras puxéronse en marcha, pero nunca chegou a funcionar como tal. Só permanecía aberto o American Bar, na planta baixa.

Dende a Guerra Civil, que o todo o trastornou, ocupou o edificio a Falange, que o destinou a «Cuartel de las Falanges Juveniles de Franco». Así permaneceu moitos anos ata que, dando un novo xiro radical ao seu destino, sería «ocupado» agora por nenas e nenos como gardería pública, hoxe dependente da Xunta de Galicia.

O gran Antonio Palacios deixou en Compostela esta xoia onde anxos femininos e capiteis vexetais nos falan en branco nun edificio que é todo un agasallo para a vista. Dentro, o xenio do lugar nos fai viaxar ás imaxes do primeiro cinema compostelán... O futuro debería respectar esta historia.

editor@alvarellos.info