Un tempo para cada cousa

La Voz

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Hai posibilidades de acción e posibilidades bucólicas. Hai tempo para todo, o difícil é escoller cando é tempo de cada cousa.

04 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Meu pai, que con poucos estudos foi capaz de gañar cartos convertendo solares en edificios, repetía constantemente que hai un lugar para cada cousa e unha cousa para cada lugar. Converteuno nun himno mudo da miña infancia e aínda hoxe, cando esquivo pasar os ollos sobre moreas de cousas desordenadas, doume conta de que a insistencia non debe ser o mellor método pedagóxico. Meu pai, ademais, tiña capacidade para a variación e, algúns días, explicaba coa mesma vocación e sen entender que caía en repetición: hai un tempo para cada cousa e unha cousa para cada tempo.

Pero meu pai non pasou por Teo e polo tanto hai que entender que o racionalismo e a colocación non debe ser só patrimonio dos nacidos no noroeste ourensán. En Calo ordenan que haxa unha noite para cada cousa aínda que o público non teña necesidade de cambiar. Escoitamos rock o venres, escoitamos folk o sábado, escoitamos de todo cando cae a noite. Con estas circunstancias tamén os espectadores poden colocar cada cousa no seu día. Pode facer unha xornada combativa e pensar cantas cousas das que lle suceden teñen que ver con ese toureo que o capitalismo nos brinda cada vez que un ministro explica que a natureza dos recortes nunca é política. Cada vez que sorrín sinalando que as prioridades están claras e os servizos nunca están nelas. Cada vez que un ministro (ou conselleiro, que tanto ten) repiten con insistencia que están dobrando a esquina da crise. Habería que tumbalos en Teo e deixalos ao orballo dobrando os cadrís.

A outra opción é bucólica. Estomballarse na herba e mirar as estrelas: todo o grande que é e o pequena que é a economía. Incluso a grande. Non vou dicir que noite é mellor para cada cousa porque a interpretación do menú non é cousa miña e porque o bucolismo só me gusta para algunhas postais. Meu pai escollería acción. Pero hai moito tempo que non falo con el.

MÚSICA NA NOITE

Días: Venres e sábado

Horario: 22.00

Entradas: De balde

MÚSICA | CAPITOL BLUES

Mitos

O blues leva consigo un mito literario que foi espallándose e multiplicándose con esa facilidade que dá a identificación directa. Pasou da música ao poesía e converteuse nunha bandeira que todo o mundo podería abanear.

E aínda estamos por aí, entendendo que o blues é capaz de explicar algunhas cousas das que nos pasan. Que é capaz de facelo nunha canción algo que precisa de tres xeracións de filósofos sensibles.

Cangar á música con estes pesos ten os seus perigos porque igual logo os espectadores máis animosos andan rebuscando nas cancións uns significados e outros. O blues, por fortuna, non precisa de intelectualizacións. Quizás por iso é moi respectado pola prensa musical e case igualmente ignorado como música moderna.

Pero o blues nunca marcha: permanece en todas as cousas. Válelle o jazz, o rock, os alalás, os xéneros intermedios e a música sacra. Permanece por entre todos eles, discretamente. Aguanta o que lle boten como se en realidade estivese de sempre aí. Como se fose a música que precede a toda música. Pero isto é o que dí o mito. E non sempre menten.

SALA CAPITOL

Días: Venres e sábado

Horario: 22.30

Entrada: 3 euros. (Con 1 consumición)

MÚSICA | VÍA STELLAE

Barroco liberado

Seica en algúns libros se afirmaba que a música barroca situábanos máis cerca de algunhas das modalidades de deus. Tanto como as catedrais. Son libros que non me foi posible ler porque a miña cultura tira á prosa e non entendo a fe como concepto. Pero creo que o barroco ten mala prensa xusto por todo o bo que dixeron del: o barroco era de deus e o fado de Salazar e non parecía haber causa intermedia. Agora eses debates non se dan porque todo é dos bancos e porque o diñeiro, aínda que sexa moi materialista, tamén esixe grandes doses de fe nas súa finalidade. Por iso agora podemos ir ao barroco como fomos ao fado. Seguros de que non e máis que música. Da mellor, pero só música.

VARIOS ESPAZOS

Días: Do 5 ao 19 de xullo

Horario: Varios

Entradas: Entre 8 e 10 euros

MÚSICA | TRIPO

Improvisando

Estamos sometidos á improvisación. Non é o sinal dos tempos, é máis ben que non hai tempo para outra cousa. Segundo a quen lle preguntes, hai quen considera que a improvisación é cuestión de talento. Pregúntaslle a un conservador pouco lido e contesta que hai que ser moi bo para improvisar, que os alemáns non saben.

A improvisación ten dous tipos: a boa e a mala. Quen ten talento para improvisar improvisa ben e quen non o ten utiliza a improvisación como o último refuxio dos inútiles: na política e na misa.

No jazz a improvisación é un punto de partida e habería que ir escoitar para aprender algo. Porque as cousas non pasan por que si. Porque nada é sen motivo, ni as crises son azares dramáticos. Aínda que tantos mintan sen improvisar a resposta.

CAFÉ EL PUENTE

Días: Hoxe

Horario: 22.30

Entradas: De balde

PETICIÓN POPULAR

MÚSICA | LENDRONE + HIS MAJESTY THE KING

As máquinas sen vapor

As máquinas aínda non evolucionaron tanto como para saber que lles pasa por dentro. Pero algún día terán Facebook e non se lles ocorrerá poñer no seu estado as citas máis ridiculamente inxenuas de Paulo Coelho. Os humanos somos moi curtos e xulgamos as máquinas como se estivesen aquí de toda a vida, como se fosen toda a vida igual e como se non houbera outro horizonte para elas. Pero nós levamos aquí 100.000 anos e elas levan poucos más de 100. E xa teñen un pasado porque calquera máquina, cando se lle pregunte, contestará que a súa avoa funcionaba a vapor.

CIDADE DA CULTURA

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: De balde